Unha representación de xente mariñeira relatou en Viveiro as súas vivencias e as penurias que sofriron durante medio século polos distintos mares
Quedou escasa a carpa con aforo para sesenta persoas, e outras vinte máis, abicando á entrada, asistiron á mesa redonda sobre historias dos mariñeiros de Celeiro. A tarde radiante deste domingo no que atracaba o outono congregou a un público ávido de historias da pesca.
Alí contaron as súas vivencias mariñas Antón da Amora, Flecha e Laureano; falaron eles coma ben poideran ser outros moitos que levan ao lombo case medio século coa vida en trinta metros de eslora. Que empezaron de boteiros, un oficio de nenos con a penas dez anos que facían o servizo aos barcos cando nin había peiraos de atraque. Mariñeiros que medían coa zoca na beiramar de Celeiro a marea de Punta Saíñas, catro millas afóra. Curtidos de singraduras, coñecen o litoral coma a palma da man e agora, xubilados, a memoria dalle voltas á rosa dos ventos.
Contou Antón da Amora a precariedade dos anos 30, 40 e 50, cando ademáis de traballar no mar había que traballar os campos e ir ao monte buscar leña, polas penurias da postguerra. Explicou como era a pesca con brexas, mazacote (tamén chamado toliñar, por navegaren atrás das tolinas, que levantan o peixe), o mansío ao bocarte, cando a anchoa chegaba ata as nosas costas. Como zarpaban con motores de cinco cabalos escasos, e canta famiña matou o chicharrón.
Nun tono máis distendido, o seu compañeiro de tripulación Flecha evocou tamén aqueles penosos tempos e as carencias abordo, ¿verdade Antón? Comparou os primeiros anos de navegación sen máis tecnoloxía que compás, jonio e sonda. Que había que buscar polo reló onde quedaba Lisboa para vir recalar á Coruña, ¿verdade Antón?
Tamén explicou os avances do loran, a sonda, o rádar, sónar? e que hoxe en día na ponte de mando hai aparellos que xa nin eles entenden: atende, chega o chaval (patrón), mete o disqué, conecta o GPS e só lles falta falar aos aparatos, ¡fancho todo!
Laureano, seguidamente, recordou outras pesquerías e volveu navegar polo canal de San Jorge ata as Illas Hébridas, polas zonas V, VI e VII, no Gran Sol, Mauritania... Destacou a decisión do porto de embarcarse en augas internacionais, comprando licenzas para poder faenar.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios