«Galicia ten instrumentos para dar un acelerón no gasto en I+D+i»
Sociedad
Juan Oliver DIRECTOR XERAL DE INVESTIGACIÓN Da COMISIÓN EUROPEA
O responsable de xestionar a política europea de investigación aposta por basear a economía galega na sociedade do coñecemento e na formación do capital humano
O chantadino Xosé Manuel Silva leva ligado aos asuntos comunitarios desde que España empezou a negociar a súa adhesión á UE, hai máis de vinte anos. Director xeral de Agricultura da Comisión Europea entre 1999 e o 2005, ocupa desde xaneiro do 2006 a Dirección Xeral de Investigación, onde manexa un orzamento de 50.521 millóns de euros. Esa é a dotación do Programa Marco de Investigación, no que a Unión ten depositadas boa parte das súas expectativas de crecemento, competitividade e creación de emprego.
-¿Estanse cumprindo as expectativas en materia de investigación, desenvolvemento e investigación (I+D+i)?
-O máis importante é o porcentaxe do PIB dedicado a I+D+i. Sempre se falou dun 3%, é dicir dun 2% privado e un 1% público. Case todos os países están cerca do segundo, pero no 2% privado hai grandes diferenzas. No caso de España e de Galicia, os datos son francamente baixos.
-As estatísticas din que Galicia inviste en I+D+i menos que España hai 35 anos, e que é onde menos crece ese gasto.
-Hai que dar un acelerón moi grande, pero Galicia ten instrumentos para dalo. Hai un gran interese, mais percibo dificultades para actuar en conxunto.
-¿As administracións teñen a mesma estratexia?
-Os esforzos deben canalizarse de forma conxunta, pero hai que ser realista: o mundo da investigación é moi amplo e non está mal ter varias ventanillas ás que acudir. Os plans estatais, rexionais e europeos son perfectamente compatibles.
-Fóra do Programa Marco, Galicia ten unha importante partida de fondos estruturais para investigación.
-Quedei moi satisfeito cando vin que a primeira liña do programa galego para eses fondos era a sociedade do coñecemento. É un salto importante, sempre que se faga tendo claras as prioridades.
-¿Cales?
-Non podemos recorrer á fórmula de café para todos. Hai que priorizar aos sectores máis competitivos nos que podemos acadar a excelencia. Penso no mundo do mar, das conservas, da madeira, pero tamén no da informática, nalgúns aspectos da medicina, a tecnoloxía dos alimentos, a automoción, o téxtil. Non digo que se abandone ao resto dos sectores, pero si que se prioricen os que poden correr máis.
-¿Como implicar ás pemes nese proceso?
-As microempresas, individualmente, non poden ter acceso á esa financiación. Pero si a nivel sectorial, porque poden ser o obxecto dunha subvención condicionada ao acordo cun centro que desenvolva unha investigación para lles resolver problemas específicos.
-Entón hai que ter ideas; é dicir, innovar. ¿Galicia está preparada para iso?
-Non penso que Galicia sexa moi diferente doutras sociedades. Pero máis que ter ideas, as empresas deben pensar qué problemas teñen e preguntarse que lles pode achegar a investigación para solucionalos.
-¿Vai ter Galicia capacidade para absorber os fondos en proxectos máis pequenos e de menos custos que as grandes infraestruturas?
-É un reto que merece a pena, porque a sociedade do coñecemento fará que Galicia sexa máis competitiva. Estou de acordo en que é difícil absorber todos os fondos, pero é un reto que hai que asumir.