La Voz de Galicia

«Cremos que hai un ataque da Xunta á propiedade veciñal do monte»

Pontevedra

marcos gago pontevedra / la voz pte. organización galega de comunidades de montes

A polémica sobre A Lanzada encendeu as alarmas nas entidades galegas, que piden protección para o monte veciñal. Xosé Alfredo Pereira é o presidente da organización autonómica de comunidades de montes

01 Mar 2018. Actualizado a las 05:00 h.

A Organización Galega de Comunidades de Montes reúne a preto de 150 entidades, que celebraron a súa asemblea recentemente en Vilagarcía. A situación do monte da Lanzada, que o Xurado Provincial se negou a clasificar a favor de Noalla, foi un dos temas de análise e preocupación.

-¿Cal é a postura da súa organización sobre o conflito do monte da Lanzada?

-Eu creo que a decisión do Xurado Provincial de non clasificar A Lanzada é un caso máis da estratexia do PP de arrancar os montes aos veciños. O debate non é agora a quen lle pertence o monte veciñal, senón que ao desclasificalo, a Xunta llo entregou ao Estado, a Costas. Iso é un exemplo máis de que queren sacarlle á veciñanza os seus montes.

-¿Que opina dos argumentos do Xurado para non clasificalo?

-É certo que os usos do monte de Noalla son dun uso social, pero a Lei de Montes di que independentemente dos usos actuais un monte veciñal segue séndoo.

-Aléganse que A Lanzada ten unha serie de proteccións.

-Si, é certo que se tes unhas proteccións tes unhas hipotecas ambientais. Iso o aceptamos todos, pero que un monte teña unha serie de protección ambientais non quere dicir que a veciñanza perda a propiedade. O problema non é que llo sacaron a Noalla para darllos a outra comunidade, senón que llo deron a Costas.

-¿Por que hai tanta preocupación se ao final ese monte ou outros nesa situación pasan a ser tutelados pola Administración?

-Nos defendemos a titularidade veciñal dos montes, porque nesa condición non se poden vender, non se poden dividir e están protexidos. Pola súa parte, se os montes pasan a ser públicos, da Administración e non da veciñanza, iso cambia. Por poñer un exemplo, Ence está dentro do dominio público, pero ten una concesión de Costas e puido ampliarse. O que nos queremos é que os nosos montes segan sendo dos veciños. Nós somos os mellores xestores. Os veciños somos quen de poñer en valor o monte e iso é unha arma eficaz na loita contra os lumes, por exemplo. A Administración ten que recoñecer e actuar conforme a unha realidade: en Galicia hai monte público, veciñal e privado.

-Vostede defende, entón, que o monte veciñal ten máis vantaxes para os veciños do rural.

-O noso monte non se pode vender, non se pode dividir, non se pode facer negocio con el. E o caso de Noalla e A Lanzada é importante porque se non se consigue que paren esa decisión de non clasificalo, iso vai pasar noutros sitios. Por iso, imos manifestarnos o día 21 de abril en Santiago, na defensa do monte veciñal en Galicia.

-¿Entón que cree que busca a Xunta?

-O de Noalla o que fai é abrir esa vía para que a Administración se quede co monte que é da veciñanza. No caso da Lanzada, ¿e que o monte non pode cumprir un fin social e por iso nolo queren quitar aos veciños? O que quere a Consellería de Medio Rural é roubar o monte aos comuneiros, e non so alí, senón en moitos máis sitios. Todos cremos que isto é un ataque a propiedade do monte veciñal en Galicia.

-¿Que propoñen facer?

-Unha Lei de Montes acorde coa realidade galega, un cambio lexislativo que recoñeza que en Galicia existen estas tres propiedades -veciñal, público e privado-. Se isto estivera ben concretado, entón Costas e outros organismos non poderían entrar.


Comentar