«O tren é un símbolo de progreso, de civilización»
Ourense
Entrevista | Rafael Cid Escribiu «Carrilanos», un libro que fala da heroica construcción do tramo ferroviario Ourense-Puebla de Sanabria, que compara coa conquista do Oeste
17 Feb 2006. Actualizado a las 06:00 h.
Rafael Cid naceu en 1961 en Tamagos, unha localidade de Verín. É licenciado en Filoloxía Hispánica, Galaico-Portuguesa e Xornalismo. Traballou en diversos medios de comunicación impresos e audiovisuais. Na actualidade é profesor de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela. Presentará o 1 de abril ás cinco da tarde no colexio María Inmaculada de Verín o seu libro Carrilanos. A obra conta a epopea heroica dos miles de obreiros que construíron a liña ferroviaria entre Ourense e Puebla de Sanabria, un tramo que debía rematarse en cinco anos e que se completou tras trinta anos de durísimo traballo. -¿Por que unha obra planeada para cinco anos tarda trinta en rematarse? -Ben, o tramo do que falamos é parte da liña Zamora-A Coruña, a máis cara do plan ferroviario da ditadura de Primo de Rivera. Era moi costosa porque a xeografía era moi complexa. O tramo en cuestión é o máis difícil de toda a liña, case a terceira parte transcorre baixo terra, e inclúe o titánico túnel do Padornelo, de seis kilómetros de longo. É a obra de enxeñería máis importante de Galicia, chegaron a traballar nela uns 15.000 carrilanos ó mesmo tempo. -¿Qué é exactamente un carrilano? -Son os traballadores que fixeron as vías, pero son xente de fora, traída especialmente para o traballo. Viñeron moitos mineiros especialistas polo tema dos túneles. -Unha vida dura. -Moito. As explosións e accidentes mataron a moitos; tamén o «mal da vía», a silicoses, causou estragos. Un dos carrilanos con quen falei díxome: «Aínda morren agora». -¿Cantos morreron? -Imposible sabelo, non se levaron rexistros. Cando morría alguén o único que se facía era substituílo de inmediato. -Imaxino que o impacto da obra sería enorme. -Chegaron a fundarse pobos de carrilanos, como Campairos en A Gudiña. Aínda agora hai topónimos ferroviarios pola zona. Pódese oír «levo as vacas para A Oficina», que é o lugar onde estaban as dependencias da empresa. Tamén se fala de O Polvorín, onde estaba o almacén de explosivos, ou O Cable, onde estaba instalado un teleférico, que levaba o material a zonas de difícil acceso. -¿Cómo é que ata agora ninguén acordouse da obra? -Os medios non falaban dela e os obreiros espalláronse ó rematar. O certo é que moitos das testemuñas son hoxe moi maiores. Sen eles non tería podido facer este traballo, porque non é un libro de historia: trata sobre eles e a súa vivencia. -¿É fan dos trens? -Non. Eu non son nada tolo ferroviario. Pero é certo que hai moitos, unha cantidade inimaxinable. É que o tren ten algo moi romántico. É un símbolo de progreso, de civilización, como na conquista do Oeste. -Pero aquí non houbo Oeste que colonizar. -Ben. En tempos da República, Indalecio Prieto paralizou as obras porque non ían a «ser rendibles». Contestáronlle varios enxeñeiros, que defendían que aquel tren «ía gañar un territorio para España». Un periodista, Eugenio Díez, fala anos máis tardes das estacións e di: «Lo último en técnica ferroviaria se ha llevado a pueblos medievales, en los que rondan los lobos y los nativos calzan 'cholas' de madera, unas aldeas tan atrasadas que hasta las vacas huyen del pitido de la locomotora». Parece que fala da colonización do Congo.