Beade
Ourense
ANACOS | O |
18 Nov 2005. Actualizado a las 06:00 h.
AÍNDA que por veces nos pareza que nada muda, a realidade é máis teimuda do que nos podamos matinar. E nunca botamos tanto de menos o baleiro que nos deixa a pedra que tiñamos no zapato como cando sentimos a satisfacción de perder a súa amistade para sempre. Daquela parece que chegamos a unha data das que a xente teima en alcumar como «históricas» e parece que, desta vez si, as cousas efectivamente vanse transformando. Tal día como o de mañá a actualidade informativa do Estado vai ter cor de hemeroteca: «o 20 de novembro de 1975, é decir fai hoxe 30 anos, morría o dictador Francisco Franco logo de case 40 anos de mandato». Mais non todo será como ata o de agora. Logo de décadas de anacronismo e de guateque nacionalcatolicista no que a figura de Senén Pousa aparecía como o obxecto de tódalas críticas e o malo da película -con todo sempre foi a persoa máis consecuente á hora de defender os seus postulados e marcou as distancias cos atabanados que se disfrazaban para a ocasión e salían do armario para sacar o aguilucho de paseo polas follas douradas e vermellas do fondal de Beade- este ano non haberá misa polo Caudillo das Españas. Trinta anos despois, a misa por Franco é, como o dictador, historia pura e dura. Da outra banda do espello as cousas tamén mudaron. Os nacionalistas independentistas veñen de ser noqueados pola Audiencia Nacional e a Guardia Civil nun dispositivo que pasou de ser a Operación Castiñeira á Operación Castañazo, e que non se xustifica con probas -se é por ter material en vasco terían que deteñer a Quintana, a Carod, a Beiras, a Paco Rodríguez e a non sei cantos máis-. Coas medallas e galóns que lle acaba de colgar a Audiencia, os militantes de AMI irán, se por fin deciden facer a excursión, máis cheos que nunca a Beade. E parecía que nada ía cambiar as cousas.