La Voz de Galicia

A forza do «lume» creador

Lemos

Laura López

Lamatumbá chega esta noite a Chantada para ofrecer un concerto festeiro, cargado de boa enerxía e de vida

24 Aug 2007. Actualizado a las 02:00 h.

Levan nove anos enriba dos escenarios, aínda que foi o seu último disco Lume o que lles deu a fama e converteu moitas das súas cancións en himnos que soan en calquera lugar de Galicia onde haxa festa. Lamatumbá é unha banda que naceu en Ourense e é precisamente na cidade das Burgas onde manteñen a súa sede e o seu local de ensaio. Esta noite, a partir das once, tocarán na Lama das Quendas, en Chantada.

A súa música evoluciona co paso do tempo e dos músicos que van pasando polo grupo. Lamatumbá naceu cun estilo próximo á música tradicional galega e cun compromiso de fusión con outros ritmos, sobre todo os latinos. Serxio Zearreta é o novo cantante de Lamatumbá dende febreiro, e explica que o grupo «é moi aberto, medra moitísimo, pola cantidade de músicos que ten e porque cambiamos, e cada un trae consigo un estilo novo, que nutre e enriquece á banda».

Por este motivo, na actuación de Chantada, a presenza de tres novos membros- o vocalista, un guitarrista e o trompetista- tornará o estilo do concerto cara a ritmos máis roqueiros, ou mesmo de hip hop , debido á anterior formación destes músicos. «Eu veño do jazz, do rock clásico e do teatro», explica Serxio, polo que o cambio foi «moi intenso», continúa, «o feito escénico é sempre igual, pero varía a cantidade de enerxía que emano. Nos concertos que facemos en Lamatumbá o corpo ten que estar libre, pero no meu caso a voz cobra relevancia», engade Serxio.

A esencia do grupo

Os alicerces deste grupo seguen sendo os mesmos dende que se crearon, «a festa, o baile e a alegría», explica Serxio, acompañados por un compromiso incondicional coa terra. A súa inspiración xurde da vida cotiá, «do feito de vivir, de compartir, de comprometerse, do licor café...», chancea o vocalista.

Precisamente o tema adicado ao licor café converteuse en todo un berro festeiro que xurde do seu último disco Lume . O lume está presente en cada unha das cancións do grupo, dun xeito ou doutro, coma un misterioso Leitmotiv que aporta a súa forza creadora á festa que leva Lamatumbá onde queira que vaia. «O lume é algo contraditorio», comenta Serxio, «crea tensión, xurde do licor café, o lume quenta a auga das Burgas en Ourense...».

A posta en escena é outro dos aspectos máis coidados por esta banda, polo espectáculo que crean, pero sobre todo pola liberdade que se respira e o constante achegamento ao público. A mellor forma de comprobalo é velos esta noite en Chantada, onde tocarán temas do disco Lume e do novo álbum que gravarán en novembro. O sábado estarán en Ordes, o domingo en Manresa, o 29 en Rianxo, o día 2 en Fene e o 19 darán o salto ao festival Popkomm de Berlín.


Comentar