As xornadas gastronómicas e culturais para a integración dos inmigrantes en Arousa Norte chegaron ao seu fin esta semana. O pasado venres, un grupo tivo a oportunidade de percorrer o casco urbano da vila de Rianxo acompañado das explicacións dun guía.
Posteriormente, a comitiva trasladouse ao Museo do Mar, no que tamén contaron coa presenza dun experto, aínda que a exposición está pensada para facer visitas autoguiadas, pois cada elemento está acompañado por un panel explicativo.
Nos seus tres andares, o colectivo tivo a oportunidade de sumerxirse na cultura mariñeira de Rianxo recibindo explicacións detalladas sobre o medio mariño en relación coa actividade extractiva, as embarcacións tradicionais, a súa construción e a importancia económica do sector.
A inmersión dos inmigrantes na cultura galega inclúe tamén un compoñente gastronómico. Os participantes teñen a oportunidade de saborear pratos como cocido galego, vieiras, mexillóns, polbo e filloas recheas.
Hoxe está previsto levar a cabo con estes cidadáns a Ruta do Mexillón, que inclúe a degustación dun menú multicultural. Haberá unha especie de intercambio gastronómico no que probarán menús doutras zonas de procedencia coa correspondente explicación sobre como se elabora.
Está previsto que o grupo teña ocasión de saborear pratos típicos de sete países, entre os que figuran Mauritania, China e Colombia.
As empresas que colaboran nesta iniciativa son os restaurantes Xoanes, Miramar e Os Trillizos, así como a empresa de ocio Tournautic & Fishing e os catro concellos que forman parte da mancomunidade.+
Gastronomía
Ademais de unha xornada gastronómica, o programa previsto para hoxe tamén ten un marcado carácter cultural porque está previsto facer unha visita ao Centro de Interpretación Arqueolóxica da Barbanza e aos muíños de auga de Bealo.
O número de persoas anotadas é de trinta e a iniciativa serve para dar a coñecer os recursos cos que conta a comarca barbancesa.
Para os técnicos da mancomunidade, a realización deste tipo de iniciativas resulta fundamental porque permite o intercambio cultural e contribúe de xeito decidido a integración dos inmigrantes na zona na que residen.