En Vigo non temos moito que celebrar dada á inexistencia dunha política teatral, complemento da demolición cultural e a ignorancia dos actuais xestores municipais. Constatado é que a Semana de Teatro Afeccionado, pasou a non contar co apoio da concellería de Cultura, xa que nin sequera tivo acollida dentro do auditorio municipal, e que polo mesmo as compañías de teatro afeccionadas da cidade, non terían entrada no Vigo a Escena. Constatada é a raquítica programación no citado auditorio, a casi desaparición do ALT e a súa misteriosa e cativa reaparición. Constatados son os recortes para a Escola Municipal de Teatro. Certificado é, polo tanto, o nulo interese que o teatro vigués ten para o goberno municipal.
Despois de 15 anos, o programa Vigo a Escena pasa, polo de agora, a mellor vida. En 1997, catro compañías da cidade puxemos en marcha, un Outono Teatral-Vigo Sale a Escena, precursor do actual Vigo a Escena. Que non se amparen na crise para matalo. A memoria conta inexorablemente, que na anterior etapa na misma concellería, a actual concelleira foi a única que non levou adiante, durante 6 meses o citado programa. Tivemos que facer moita presión para reanimalo.
O sorprendente deste momento é o silencio e a indiferencia. Será pola anestesia á que nos someten, ou porque as compañías de Vigo teñen máis actuacións das que poden atender, ou que as Asociacións Culturais e Veciñais non poden con tanta programación nos seus auditorios, pero a ninguén parece importarlle que a única rede teatral municipal, que contou con 15 compañías da cidade e 23 asociacións e espazos, cunhas cen actuacións anuais e con moitos defectos, morra entre o silencio de todos, como un exemplo mais dos tempos que vivimos. Ante o silencio e a indiferencia, a miña rebelión, ainda que sexa detrás do pano.
Pouco hai que celebrar en Vigo dada a inexistente política teatral
redac.vigo@lavoz.es