«A represión en Vigo, Moaña e Cangas foi moi cruel, con fondeos de persoas»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

31 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O economista e historiador Dionísio Pereira presenta esta tarde, ás 20.00 horas en Librouro, o libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1936), editado por Edicións Xerais de Galicia. Este traballo de investigación ofrécelle ao lector os datos necesarios para entender a organización societaria dos mariñeiros galegos ata a chegada da guerra civil, e a posterior represión sufrida polo sector.

-¿Por que toma o ano 1864 como punto de inicio?

-É pola publicación dun real decreto que fai desaparecer os gremios do mar, a organización mariñeira tradicional. A partir de aí as propostas xa son moi diferentes a aquelas formas medievais.

-¿Atopou paralelismos co proletariado industrial?

-Si, no que se refire á pesca inserida no modelo capitalista. No tempo da República, atinxe máis ou menos a metade do sector mariñeiro. Este segmento da clase mariñeira, que neste tempo está composto por unhas 60.000 persoas directamente, é a que está máis representada nos sindicatos de clase e forma parte dun segmento moi importante, no caso da CNT, da súa afiliación.

-¿É o sindicato anarquista o máis representado no sector?

-Ao principio, os pioneiros das organizacións proletarias, sobre todo nos vapores que ían á pesca do pincho no Berbés e tamén en Bouzas, foron socialistas, e tamén ocorre ao mesmo tempo coas traballadoras da conserva. Os socialistas de aquí foron moi libertarios, entre comiñas, no sentido de que pensaron por se mesmos. Posteriormente, xa a partir dos anos vinte, e moito máis durante a República, a hexemonía pasa á Federación Rexional de Industria Pesqueira da CNT, que ten unha afiliación masiva e que se pode contar en torno ás tres cuartas partes dos mariñeiros organizados.

-¿Que papel tivo a muller neste ámbito?

-As traballadoras da conserva tiveron un nivel de organización moitas veces parello ao dos mariñeiros. Hai unha interrelación continua entre ambos, agora ben, a integración da muller nos sindicatos de clase ven máis de vagar, e non se produce dun xeito moi significativo e masivo ata o triunfo da Fronte Popular. De todos xeitos, os primeiros xermolos veñen do mesmo tempo, os derradeiros anos do século XIX. Por outra banda, no caso das mulleres está máis repartida a súa afiliación na UXT e na CNT, e mesmo nos sindicatos independentes pero moi influídos polo Partido Comunista, como pasou na ría de Vigo.

-¿O sector mariñeiro foi prioritario para a represión tras o golpe de Estado?

-Polas cifras que podemos manexar a través do proxecto Nomes e Voces, no que participan as tres universidades galegas, pódese dicir que despois dos cadros sindicalistas de Vigo, A Coruña e Ferrol, é o segundo sector laboral máis castigado despois do golpe militar de xullo de 1936. A razón está no grao de organización que acadaron durante a República, cunha taxa de afiliación de entorno ao 40%, e tamén no da conflitividade. A patronal aproveitou o golpe militar para promover unha represión moi dura que se levou a cabo, ben por parte dos militares a través dos consellos de guerra, ou ben á brava polas milicias fascistas. Incluso tamén podería haber unha motivación de base económica porque o franquismo precisou que Galicia fora unha retagarda que subministrara persoas e alimentos ao exército. No caso do mar, foi moi importante a aportación da conserva de peixe, e de algunha maneira, os fascistas necesitaban que os que subministraran o peixe non foran refractarios para aseguralos.

-¿Vigo e A Coruña foron os centros máis castigados?

-Si, aínda que houbo vilas como Moaña, Cangas, Marín e Cariño que non lles van moi lonxe porque alí había unha organización sindical moi forte que provocaron loitas moi duras que logo aumentaría a intensidade da represión. De feito, a represión en Cangas, Moaña e Vigo foi terrible, e ademais cunha metodoloxía moi cruel cos tristemente fondeos persoas.

-¿Tivo algo que ver a intensidade acadada polos conflictos laborais durante a República?

-A patronal, que foi quen escribiu a historia a través de corenta anos, tratou de reducilo todo a cuestións persoais. Moitas veces temos escoitado que a tal persoa a mataron por envexas persoais o cuestións deste tipo. Hoxe en día estes estereotipos está totalmente desacreditados e a gran maioría de situacións se sitúan nun contexto laboral. Foi unha represión que afectou a aquelas persoas que de algunha maneira podían ter devezo de un statu quo diferente e, durante a república, loitaron de xeito organizado para que fora así.

-¿Foi planificada esta represión?

-No caso do mar, nas directivas sindicais está moi claro que houbo unha planificación.

-¿Hai un número de vítimas?

-Uns 1.500 mariñeiros foron represaliados de algunha maneira pero, por exemplo, no caso da Federación Rexional de Industrias Pesqueiras, da CNT, eu cifro en torno aos 150 cadros sindicais os que foron asasinados. Cito un par de exemplos, nos que a comisión que negociaba as bases de traballo nos arrastreiros de Bouzas en xullo do 36, de cinco persoas, catro son asasinadas e mesmo a algún van buscalo á illa de San Simón, e o quinto se salva porque se disfrazou de crego. No caso dos vinteún integrantes da comisión que negociou coa patronal e o ministerio os prezos da sardiña na primavera do 36, sabemos que o 60 por cento foron asasinados ou tiveron durísimas penas de cadea ou desapareceron.

dionísio pereira historiador

Licenciado en Ciencias Económicas e investigador especializado na historia dos movementos sociais na Galicia contemporánea, Dionísio Pereira participa no proxecto Nomes e Voces, das universidades galegas. Hai uns anos foi denunciado pola familia dun falanxista aínda que o xulgado desestimouna.

«Os pioneiros das organizacións mariñeiras no Berbés e Bouzas foron socialistas»

«A patronal, que escribiu a historia, tratou de reducilo todo a cuestións personais»