Domínguez di que non recibiu ningunha mensaxe do PP sobre un eventual acordo
27 may 2011 . Actualizado a las 11:37 h.O nacionalismo está nunha encrucillada. Despois de dúas décadas de ascenso, o domingo perdeu unha gran parte da súa base electoral. No caso de Vigo, nunha década pasou de ostentar a alcaldía a ter só tres concelleiros. Pese a elo, Santiago Domínguez acadou o mércores o respaldo do consello local para seguir á fronte do grupo municipal.
-Xa ten o aval do consello local. ¿Cal será agora o seguinte paso?
-A decisión quere dicir que temos que reflexionar, que temos que escoitar aos cidadáns. Nestes catro anos algo fixemos mal, sen dúbida, e o electorado castigounos nas urnas, pero nós queremos seguir traballando pola cidade.
-O BNG está nunha situación difícil...
-Si, pero o BNG non está morto, como algún podería desexar. Está máis vivo que nunca, pero buscando cambios.
-A UPG quixo relevalo como candidato. ¿Cómo se entende que agora o sosteña?
-A UPG, no seu momento, fixo un exercicio lexítimo e democrático. Nós cremos nas primarias, pero unha vez elixido candidato non existiu ningunha dúbida e eu sentinme apoiado.
-¿Pasoulle pola cabeza dimitir?
-No BNG nunca se toman decisións persoais. Polo tanto, trasladei ao consello local a decisión sobre o meu futuro.
-Catro anos de intenso traballo remataron coa perda de 11.000 votos. ¿Que fallou na súa xestión?
-Os nacionalistas deixámonos a pel para transformar a cidade e aí queda o resultado. Agora toca avaliar o porqué da baixada electoral, a derrota sen paliativos. Todo o mundo recoñece o gran traballo, pero non se traduciu en máis votos.
-En moitos sectores se pensa que Santiago Domínguez foi brando ante o alcalde Abel Caballero...
-Non me considero un político brando, pero si un político responsable. A cidadanía quixo que gobernáramos co PSOE e o que fixen foi aportar estabilidade, coherencia e serenidade.
-¿Entón?
-Se ser brando significa non facer caso de pequenas desavenencias ou de políticas tendentes a un localismo mal entendido, sigo sendo brando, pero a cidade tivo un goberno estable e síntome responsable delo.
-¿Pode ser que Caballero o fixera ben e Domínguez mal?
-Resulta evidente que os resultados electorais non valoraron o traballo feito estes anos polo BNG, pero todo o mundo fala agora, e o PSOE tamén, da gran xestión do BNG.
-¿As loanzas do PSOE non son un regalo envelenado?
-Claro, pero a subida do PSOE tamén se debe ao noso traballo.
-¿Que futuro político ten Santiago Domínguez?
-Seguir á fronte do BNG e traballar pola cidade.
-Das dúas opcións, un novo goberno de coalición atando corto a Caballero ou pasar á oposición, ¿cal é a súa?
-As dúas se barallan polo momento, pois non imos dar a alcaldía ao PP.
-¿Por que non se molla e resposta á pregunta?
-Non me mollo por respecto aos órganos de decisión do BNG. Si expresei a miña opinión dentro da organización, pero aí paro.
-¿Recibiron algún guiño do PP, como en Ourense ou Lugo?
-Non.
-En calquera caso, ¿se non rendibilizaron electoralmente cinco concelleiros, como espera facelo con tres?
-O BNG está nos gobernos para traballar e se volvéramos atrás volvería facer a mesma xestión e o mesmo traballo.
-¿É prudencia ou ten medo ao frío que fai na oposición?
-Na oposición tamén se pode traballar pola cidade. E teño experiencia: estiven na oposición en outras ocasións no Concello de Vigo.
-¿Sabería Santiago Domínguez vivir sen coche oficial?
-¡Home! ¡por suposto! Gústame conducir o meu propio coche, como fixen toda a recente campaña.
-¿Apropiouse Abel Caballero dos logros do Bloque nesta campaña?
-Si, claro, é evidente que se apropiou dos logros do BNG, pero o máis importante é que a xestión quedou feita e está aí.