«Falo da fortaleza das mulleres»

Jorge Lamas Dono
JORGE LAmaS VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

A viguesa regresa á novela con «Fundación Libélula», un relato sobre a solidariedade entre tres personaxes femininos

12 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O proceso creativo de Yashmina Shawki é laborioso. Unha vez rematado un libro, déixao repousar o tempo preciso para afastarse e ver con maior claridade as posibles correccións. Mais, nese tempo, non deixa de escribir, e na actualidade xa revisa dúas novelas máis e empezou outras dúas.

-Que é Fundación Libélula?

-Unha novela curta que aborda a cooperación entre mulleres, persoas que non terían porque atoparse senón fose por unha avogada. María Xosé Muradás despois de gañar moitos cartos sen demasiados escrúpulos decide que ten que devolver algo a sociedade a través daquelas persoas que teñen máis dificultades. Máis que unha novela de personaxes e profundización nos carácteres, a min interesábame as coincidencias e o destino que fai que as veces as persoas se atopen unhas as outras

-Que significado ten a libélula?

-É un pequeno insecto que renace en primavera despois de pasar adormecido todo o inverno. Gustábame porque a xente tende a elixir a bolboreta como o insecto máis fermoso. A libélula é moi fráxil pero é fermosísima, coas súas ás douradas.

-Como son as mulleres da súa novela?

-É unha novela que fala da fortaleza da muller. Por unha parte, se presentan casos extremos de mulleres en desamparo, sometidas a situacións, incluso brutais. Pero tamén quero reflectir a fortaleza que teñen para recoñecer que realmente teñen que saír desa situación de inxustiza. Eu doulle unha lectura positiva; conseguen erguerse e saír adiante axudándose entre elas.

-Porque o escenario é Vigo?

-É unha cidade moi cosmopolita con sectores moi favorecidos, como podería ser a avogada da novela, pero tamén xente que vive na exclusión social. A historia xurdiu no autobús. Ía eu moi cansa despois de traballar e fixeime nunha rapaza que subía, e deume por imaxinar cal era a súa historia. Tamén escollín Vigo por comodidade.

-É unha dificultade contar unha historia en 94 páxinas?

-Si e non. En todo caso, é un reto porque as veces é máis difícil expresar algo en poucas palabras. Espero que acertara e non fora excesivamente sucinta. Eu penso que as historias teñen vida propia polo que non é preciso escribir demasiado nunha trama para dicir o que un quere expresar.

yashmina shawki escritora