Normalización Lingüística edita unha unidade didáctica dirixida aos centros educativos co obxectivo de valorizar o patrimonio toponímico do concello
30 oct 2010 . Actualizado a las 18:47 h.«O nome orixinario da nosa cidade é Vicus, e para designar os habitantes de calquera pequeno vicus, utilizábase a palabra latina vicinu, da que derivou veciño, que hoxe designa o habitante de calquera poboación pero que nun principio debeu aludir aos habitantes dos pequenos vicus. Por iso o xentilicio orixinario ou etimolóxico de Vigo é veciño e non vigués, que se formou, este último, sobre o topónimo moderno Vigo».
É unha das curiosidades que contén a unidade didáctica Meu. Coñecéndonos, descubríndonos que veñen de editar as concellarías de Normalización Lingüística, Cultura, Patrimonio Histórico, Tenencia de Alcaldía e Xuventude coa finalidade de dar a coñecer á comunidade educativa Vigo e a súa contorna a través do seu patrimonio, toponimia e o seu medio.
Con dous niveis de coñecemento, un para Primaria e outro para ESO e Bacharelato, o traballo explica que os nomes dos lugares, os topónimos, non xorden da nada, senón que son o resultado dunhas circunstancias determinadas, dun espazo, dun tempo, dunha sociedade e, en definitiva, dunha historia concreta e particular.
Así, os nenos poden aprender e xogar cos nomes. No primeiro caso, por exemplo, os escolares coñecerán que O Berbés ven dunha voz prerromana que designa unha altura ou unha depresión, o que encaixaría coa orografía do lugar. Tamén lles propoñen xogos aos alumnos, como investigar onde se atopa O Cotomondongo. Resposta: abranguía a zona da rúa de Urzaiz con Vía Norte. Máis céntrico era O Salgueiral, situado nas rúas do Príncipe e do Marqués de Valadares.
Na morfoloxía dos topónimos influíron as características propias do galego de Vigo, e dicir, o seseo e o emprego dunha serie de sufixos diferentes aos doutras zonas, que deron singularidades como o topónimo Pereiró, na vez de Pereiroa.
Aos rapaces tamén se lles advirte contra falsas castelanizacións. É o caso de dicir Seijo en vez de Seixo, cuxo significado en castelán é «guijarro».