A Universidade quere estar entre os mellores

Manuel J. Fernández Iglesias

VIGO

A Universidade de Vigo debe render contas á súa sociedade. A nosa estratexia é a excelencia e a internacionalización, e o Campus do Mar é un exemplo. A pesar da crise, faremos máis con menos

10 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Nos últimos vinte anos, a Universidade de Vigo sufriu un proceso de cambio que a levou dunha infancia difícil nuns poucos edificios espallados polas ladeiras de Marcosende, a unha xuventude prometedora con presenza relevante nas tres cidades do sur de Galicia, cun campus universitario que é unha referencia a nivel internacional, e cun nivel de excelencia docente e investigadora que a sitúan nun lugar destacado do ránking das universidades públicas españolas. Unha universidade querida polos seus docentes, polo seu persoal de administración e servizos, e o máis importante, polo seu alumnado e a sociedade en xeral. Laboriosamente, acadamos un recoñecemento abraiante.

Con esta carta de presentación, e nunha situación de crise económica como a que vivimos, é tentador comezar este novo curso académico levantando o pé do acelerador, conformarnos co que hai, e facer máis ou menos o que vimos facendo estes últimos anos: formar os profesionais que require a nosa contorna socioeconómica, e contribuír perante a xeración de coñecemento ao avance do noso tecido empresarial. Pero nun momento de crise, a Universidade, un dos piares básicos da sociedade do coñecemento é unha das institucións clave para construír un futuro mellor. Temos a obriga de dar resposta ás demandas da cidadanía.

Estes últimos anos a sociedade, a cidadanía do sur de Galicia, estivo a investir na súa universidade, dedicounos os recursos necesarios para chegar a ser o que somos hoxe. E chegou o momento de render contas, de devolverlle á sociedade os réditos dese investimento en forma dunha formación de calidade que permita afrontar con confianza os retos do futuro. Para elo, a nosa actividade neste curso que comeza vai a estar dirixida por dúas ideas fundamentais: a excelencia e a internacionalización. Unha excelencia na formación, na investigación, e na xeración e transferencia de coñecemento que lle garanta á Universidade de Vigo e a Galicia un lugar entre os mellores. Unha internacionalización que faga dos nosos titulados e tituladas os profesionais mellor preparados para desenvolverse nun contexto global, que permita atraer aos nosos campus aos mellores estudantes e académicos de calquera recuncho do mundo, e que facilite o acceso ás nosas empresas aos mercados mundiais.

En definitiva, excelencia para facernos fortes e competitivos a nivel internacional.

O proxecto de Campus do Mar é un bo exemplo desta estratexia. Un proxecto de Campus de Excelencia Internacional liderado pola Universidade de Vigo e no que participan todas as universidades galegas e do norte de Portugal, xunto con coas entidades e institucións máis relevantes no eido mariño do noso país. Un proxecto avalado, ademais, polas máis importantes empresas e organismos internacionais do sector.

Pero as nosas actividades para este curso van moito máis alá. Este ano tentaremos incrementar as cifras de mobilidade, promovendo a presenza de máis estudantes e docentes internacionais nas nosas aulas, e o desprazamento do noso alumnado e profesorado a outras universidades dos cinco continentes. No eido da cooperación, tentaremos ampliar a nosa participación en proxectos internacionais coa colaboración do noso persoal investigador e estudantado. Buscaremos os mellores socios para establecer alianzas estratéxicas que nos permitan ter voz nos principais foros e redes académicas internacionais. Todo elo nun contexto de contención orzamentaria que nos obrigará a ser máis imaxinativos e máis eficientes na utilización dos fondos públicos, facendo realidade cada día unha actitude que xa se converteu nun lema da nosa universidade: máis con menos.