Aspira a dirixir unha Universidade global pero moi pegada á realidade. Recoñece que o campus do mar é unha oportunidade grande para que Vigo sexa un referente mundial
Semella tímido Salustiano Mato: nunha hora de conversa non pronuncia en ningún momento a palabra reitor , o posto ao que aspira. Refírese a el como «dar este paso» ou «asumir o reto». Pero doses de ilusión non lle faltan e, aínda con reparo a certas verbas, Mato ten un plan. Quere que a Universidade de Vigo sexa internacional.
-¿Que Universidade soña para dentro de catro anos?
-Soño cunha Universidade que produza unha luz que brille no mundo, pero que dea calor ao seu entorno.
-Moi pegada ás tres cidades.
-Exactamente. Dar luz e calor significa que temos que facernos ver como unha fábrica de solucións dos cidadáns, que o somos, das empresas e un aliado estratéxico para todo tipo de institucións.
-¿O entorno percibe que a Universidade lle dá calor?
-Non, non. A Universidade creouse en 1990. Eramos un neno. Cando chegamos ao goberno en 1998, con Domingo Docampo, preguntábaslle a calquera persoa e non sabía dicirche onde estaba, mandábanche á universidade laboral. Melloramos. No ano 2003, unha enquisa dicía que a institución que máis apreciaban os vigueses era a Universidade e logo o Celta. Eramos adolescentes e gastamos moita enerxía en formarnos. Pero xa chegamos á maioría de idade e temos que amosarnos. -Con vinte anos tamén corren o risco de ser un mozo «nin-nin»: nin estuda nin traballa. -Non, porque senón, non estaríamos onde estamos. Nos últimos doce anos fomos quen de ser unha das universidades máis novas pero máis innovadoras e que máis creceu. No campo da investigación estamos entre as 15 primeiras, pero en 1998 estabamos no 40. Esta Universidade non está nada mal. Temos que canalizar a enerxía ás necesidades do entorno.
-Volvemos ao calor do entorno. Criticouse do reitor actual que non tivese presenza, que non se lle vise a cara.
-Non podo valoralo. Tocoulle unha época de grande transformación interna, con Bolonia. Iso obrigou a gastar moitas enerxías cara a dentro. Agora xa se fixo o traballo duro. Este é o momento de convertelo nunha oportunidade para prestixiar a excelencia académica da institución e convertelo nunha imaxe de marca da Universidade e de Vigo.
-Bolonia é renovación. ¿Que ideas ten?
-Debemos ter unha gran oferta académica de calidade e atractiva para penetrar no mercado. Pero hai que saber que potencial temos e desenvolvelo. Aí hai que xogar con cooperación intelixente dentro e fóra. E buscar a internacionalización.
-Faltan fondos para as universidades pero vostede non pide máis cartos á Xunta, senón outro xeito de dalos...
-Pido outro xeito. Así o entenden os cidadáns. Que o financiamento sexa en función do cumprimento de obxectivos, de beneficio socioeconómico para o país. A Universidade de Vigo, non sei se é porque nos contaxia o dinamismo da cidade, está máis preparada para isto.
-¿Que perfil debe ter a Universidade en investigación? O reitor defende os grandes grupos, os agrupamentos, que a Universidade se singularice.
-Se vas ao campo internacional, debes saber onde hai ocos, para meterte e lideralos. Facendo iso podes axudar a outras áreas máis pequenas. A riqueza é a diversidade. Son da idea de dar o salto aos agrupamentos, porque son os que establecen masa crítica. Non suman, multiplican. A algúns investigadores hai que ensinarlles que son moi bos no seu, máis do que pensan.
-O gran macroagrupamento é o campus do mar.
-É un obxectivo moi global, que terá varios agrupamentos. Hai que crear unha imaxe de marca de Vigo.
-¿Hai posibilidades de que Vigo sexa o gran referente mundial en investigación mariña?
-Si.
-Que a xente que queira investigar diga: «Vou a Vigo».
-Si, si. Se facemos o que temos que facer, nun prazo de catro ou cinco anos, pode suceder iso. E sen infraestruturas novas.
-Pero mellor se as hai.
-Se as hai mellor. Temos que xogar con varias posibilidades, non se pode pensar nunha soa [en referencia á ETEA]. Temos que entrelazar a outras institucións. Falta articulación. O campus do mar pretende articular as capacidades. A nivel cuantitativo, temos máis expertos no mundo mariño por metro cadrado que en ningún lugar de Europa. Hai atractivo para atraer xente de gran talento.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios