Cabanillas inspira a once fotógrafos

B. R. S.

VIGO

O Museo Verbum rescata unha mostra que ilustra con imaxes da bisbarra os versos do poeta cambadés.

05 feb 2010 . Actualizado a las 11:53 h.

A celebración no 2009 do Ano Cabanillas puxo en marcha varias as iniciativas para recuperar a memoria do insigne autor galego. Unha delas foi a exposición Unha viaxe con Ramón Cabanillas a través da Fotografía , que dende onte pódese ver no Museo Verbum de Vigo. O centro vigués recupera -pasado xa o aniversario- a iniciativa levada a cabo polo colectivo Candea (asociación de ensinantes do Salnés), na que once fotógrafos profesionais da zona se inspiraron en poemas de Ramón Cabanillas para ilustrar con imaxes os versos nos que alude a distintos lugares do Salnés. Os artistas seleccionados: Iñaki Abella, Quico Álvarez, Eduardo Apariz, Luís Barreiro, Mónica Irago, Martina Miser, Emilio Moldes, José Luiz Oubiña, Carlos Puga, Xaquín Rosales e Mónica Vila, realizaron un labor de introspección e afondamento na lírica do poeta do Salnés, sendo esta exposición o resultado fotográfico dese traballo de creación libre, íntimo e persoal, na que cada foto se acompaña dun pequeno texto dos autores explicando o seu traballo.

A mostra que inaugurosuse orixinalmente co título Polo Salnés con Ramón Cabanillas en maio do ano pasado, formaba parte dun proxecto máis amplo sobre o poeta. O colectivo de ensinantes realizou unha serie de xornadas e exposicións en centros educativos da bisbarra e a exposición fotográfica enmarcose nunha segunda fase do proxecto encamiñada ao mundo artístico, que se iniciou coa publicación dun libro de versos do poeta cambadés ilustrados con acuarelas.

Obradoiro de Fotoxoguete

A mostra foi dirixida e comisariada por Fotoxoguete, un espazo creado en Galicia por persoas vinculadas profesionalmente ao mundo da fotografía que pretende ser un lugar de encontro de afeccionados e profesionais no que se promova a cultura fotográfica. Precisamente, este grupo impartirá este mes (19, 20, 21 e 27 de febreiro) e o próximo (5 a 7 de marzo) dous obradoiros de fotografía dirixidos por Carlos Puga. É gratuito, para maiores de 16 anos e o número de prazas está limitado a 15 e as inscrición pódese remitir a verbum@vigo.org cos datos: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo postal e electrónico e teléfono de contacto.