«A Penélope que debuxou Homero, desafortunadamente, segue existindo»

B.R. Sotelino

VIGO

A comunicadora viguesa debuta na literatura con «Circe ou o pracer do azul», unha novela que revisa mitos clásicos

19 ene 2010 . Actualizado a las 11:57 h.

A xornalista Begoña Caamaño (Vigo, 1964) debuta na literatura con Circe ou o pracer do azul , unha novela editada por Galaxia na que se relata o que nunca se contou da historia de Penélope e Circe. A escritora imaxina outras historias non relatadas por Homero e evita seguir a Ulises para converter as mulleres en protagonistas do relato. Caamaño conta a historia dunha muller que leva once anos agardando polo retorno do seu home. Cando ao seu arredor moitas voces suxiren a probable morte do marido, recibe unha carta dunha estraña: unha muller misteriosa que a informa de que o seu home non só non está morto, senón que vive con ela un romance apaixonado. A partir de aí vaise tecendo unha relación epistolar entre as dúas que transcende mesmo a existencia do home; o esposo dunha e amante doutra pasa a ser só un pretexto para continuar coa correspondencia

-¿Como xurdiu este debú?

-A idea levaba moito tempo gardada no caixón. Non tivera o atrevimento, nin o tempo, nin atopaba o momento. Cando me decidín, o proceso fíxeno bastante rápido porque foi como un reto persoal. Tiven a sorte de que en Galaxia acollérono ben e con cariño.

-Este é o seu primeiro libro, pero ¿ten a intención de seguir por ese camiño ou era algo que quería probar e xa está?

-Non. A verdade é que quixera seguir. Teño ideas e ganas. Collínlle o vicio a escrita á marxe no xornalismo. Paralelamente xurdíronme outras ideas que non encaixaban nesa historia, pero fun gardándoas. Supoño que é como todo. Ate que te paras non te das conta. Teño ganas de contar outras cousas, pero o que non sei é si serei quen. Seguro que Circe non será o único libro que escriba. O que non sei é si será o único que publique (risas).

-¿Escribe ficción dende hai moito?

-Non, o certo é que o meu é a relidade por deformación profesional. Quitando as cousas típicas que se escriben na adolescencia (e mellor olvidalas), non me dera antes por aí.

-¿Interésalle especialmente a mitoloxía ou víñalle ben para o que quería plantexar no argumento de «Circe ou o pracer do azul»?

-Gústame a mitoloxía porque bebemos das suas fontes en canto a construción de modelos e arquetipos, pero a mín o que me apetecía, precisamente, era revisalos e reconstruílos. A Odisea é unha obra que me parece fundamental, pero eu quería coller as personaxes femininas de Homero, darlles a volta e construir outro modelo de muller diferente.

-¿É unha Penélope como sería hoxe en día?

-A Penélope que debuxou Homero segue existindo no noso tempo, desgraciadamente para as penélopes. Ela é o referente fundamental do imaxinario masculino sobre o que ten que ser unha boa muller. Non é a Penélope descrita por Homero menos contemporánea que a miña.. Non estamos todavía as mulleres nunha sociedade onde esteamos libres de toda pressión cultural e do arquetipo que construiron para nós e no que nos educaron. Todas nós somos fillas de Penélope. Sempre houbo mulleres rebeldes, que nunca aceptaron o seu papel, pero o que si é certo é que tiñan menos posibilidaes para salirse da norma.

-¿Identifícase con ela?

-Non me identifico, ainda que son herdeira dela. A grande sorte que tiñan é que había un gran silencio ao seu redor. Homero fala das mulleres dende a percepción de Ulises, pero non sabemos nada do que elas pensaban, sentían ou querían. Entón pensei: xa que Homero non falou delas, voulle dar eu as palabras que el non lles deu.