«Sabemos que queda traballo por facer e xa non imos parar»

M. J. F.

VIGO

O tenente de alcalde, Santiago Domínguez, apostou sempre pola mellora do Casco Vello e asegura que xa cumpriu co unha primeira fase.

-¿Que resume faría do resultado?

-Con estas actuacións demos un gran impulso á reconquista do Casco Vello para a cidadanía. Nunca se fixo tanto en tan pouco tempo pola recuperación do noso barrio histórico. Renovamos o pavimento, melloramos a iluminación, favorecemos a accesibilidade, pero tamén actuamos sobre o que non se ve, como o saneamento, abastecemento, canalización de gas e as redes eléctricas. Fixemos que queden atrás os anos de abandono e que empece a ser motivo de orgullo. Sabemos que queda traballo por facer e xa non imos parar. É, sen dúbida, un compromiso persoal e político.

-¿Cal é a actuación que máis lle sorprendeu?

-Sen dúbida a do eixo Porta do Sol-Elduayen-Paseo de Alfonso XII, é o proxecto emblemático das 19 actuacións. A transformación ten sido absoluta e fixo posible que Vigo teña agora unha gran praza no centro da que carecía, gañada ao tráfico para o disfrute cidadán. Co tempo estou certo de que este espazo será o gran lugar de encontro dos vigueses e viguesas. Síntome orgulloso de que a recuperación do barrio deixara de ser unha promesa para converterse en realidade.

-¿Cantas rúas humanizarán o vindeiro ano?

-Estamos acabando de pechar os proxectos, pero podo adiantar que serán bastantes, o obxectivo é actuar sobre o maior número posible.