«Sorprendeume o Casco Vello, está moito mellor que fai anos»

M. J. F.

VIGO

Adriana Bugarín Pereira repetiría a experiencia desta fin de semana no Casco Vello vigués. Tras gañar o concurso Percorridos polo Casco Vello, iniciativa do Grupo Voz, a xoven visitou o pasado venres o barrio vigués acompañada polo seu mozo Javier.

A pesares de vivir preto, na rúa Llorente, ata o de agora soamente visitaba a zona para conectarse a Internet no centro cívico. Foi alí onde se enterou do concurso que lle podería permitir gastar cen euros en comercios, tomar un par de cervexas, unha cea, seguila noite con dúas copas e durmir no hotel Porta Gamboa, sito na rúa do mesmo nome. E todo iso acompañada por outra persoa e totalmente gratis, se resultase a gañadora, como así foi.

Adriana, natural de Río de Xaneiro e afincada na cidade fai quince anos, é unha persoa con sorte, non é a primeira vez que lle toca algo. Tal como había pensado foi co seu mozo e pasaron una velada inesquecible.

O primeiro que fixo pola tarde foi mercar una cazadora en Deportes Guay. Xa lle tiña botado un ollo antes e non dubidou. Despois lle seguiron tres vídeos para a consola da PlayStation. Antes da cea tomaron una caña no café-bar Alta Fidelidad-Ingrávitto e a continuación chegou a gran mariscada no Restaurante Bahía, ata a unha da madrugada. A copa tomárona no Faneco antes de retirarse ao hotel.

Tan contenta quedou a premiada que está disposta a repetilo. Di que seguirá xogando, aínda que non sabe se poderá ser. O que si sabe é que é o único xeito de pasar unha noite tan diferente coma a do venres, xa que aínda é estudante, a punto de terminar Inxeñería Técnica Industrial.

Da súa estancia polo barrio Adriana comenta: «Sorprendeume o Casco Vello, está moito mellor que fai tempo cando eu viña pola zona con vinte anos e algunhas rúas estaban con terra; despois fun para O Areal».

O que máis lle gustou á brasileira de 32 anos foi a tarde, porque está moi animada, sobre todo na praza da Constitución. Advirte que pola noite aínda non hai moitos locais de copas.

O que máis lembra é a mariscada, na que non faltaba de nada, e as tortas selva negra e de queixo con cereixas que tomaron de sobremesa. Tamén lle sorprendeu a decoración do hotel, novo e con mármore negro nos cuartos de baño.

Pero, sobre todo, Adriana e Javier quedaron encantados co trato recibido en tódolos locais participantes no concurso, algo que lles parece fundamental para atraer á xente ó barrio histórico.