O 23 de maio de 1809 os sublevados acantonados en Vigo acadan a súa primeira gran victoria tras a Reconquista. Tras dúas semanas preparando esta acción, marchan sobre Santiago e derrotan ao exército imperial, comandando por Maucunne, o sanguinario xeneral que, tempo atrás saqueou e queimou vilas por toda a provincia de Tui. O éxito militar demostra aos mariscais de Napoleón que xa non se enfrontan a pequenas partidas de paisanos, ao tempo que dan esperanzas aos rebeldes: Unha victoria total, e a retirada francesa de Galicia é posible.
Os galegos tíñanse retirado cara ao Sur tras a batalla de Pontecesures. Tras unha estancia en Ourense, regresan a Vigo os principais rexementos para preparar o asalto final pola independencia. En maio, García del Barrio decide que chegou o momento de tomar Santiago, aproveitando que o mariscal Ney se desprazara cara a Asturias, deixando guarnicións menos numerosas nas principais prazas galegas.
O 20 de maio sae de Vigo o exército galego, que inmediatamente ocupa Padrón, de onde expulsan aos galos, que foxen cara a Compostela. A inquietude apodérase da guarnición de Santiago, dirixida polo xeneral Maucunne, o mesmo sanguinario que incendiou vilas e aldeas desde o Miño ata o Ulla dous meses atrás. A hora da vinganza parece próxima.
O capitán francés Marcel, nas súas memorias, narra o desasosego que se vivía en Compostela: «O xeneral Maucunne enviaba cada día cazadores dacabalo en recoñecemento do terreo, cazadores que regresaban sen atopar nada. Con todo, unha mañá, un cazador que había partido co seu tenente e seis dos seus camaradas, regresou ferido, como único sobrevivente, xa que a patrulla caera en mans do groso do inimigo. A guarnición púxose en garda e durante moitas noites, os soldados durmiron coas súas armas, mentres que grandes gardas vixiaban».
O 23 de maio, o xeneral La Carrera desprega as súas tropas nos arredores de Santiago e comeza o combate, unha batalla en campo aberto na que, contra todo prognóstico, vencen os galegos. Certo que as súas tropas eran máis numerosas, pero os galos estaban mellor equipados e eran soldados regulares, curtidos en toda Europa, mentres moitos dos efectivos locais seguían sendo voluntarios levantados entre a veciñanza.
A victoria é total. Os galegos entran en Santiago, mentres os franceses se retiran cara á Coruña, tendo deixado moitos mortos sobre o terreo. Nárrao con entusiasmo o propio La Carrera, nunha carta que remite ao capitán McKinley, comandante das forzas navais inglesas, que se atopaba en Vigo: «Santiago é noso. Os inimigos, en forza de 3.000 homes de infantería, catorce pezas e trescentos de cabalería, saíron a esperarme e atacáronme sobre a marcha no campo chamado da Estrela. As miñas guerrillas, que a unha súa que se adiantou a descubrir a tiñan escarmentado e perseguido, rompendo o fogo cos seus "voltilleurs" déronme parte e mandei despregar a división nunha posición que nin escolleita podía ser mellor. Atacaron con vigor, pero non lograron a máis mínima vantaxe. Os nosos artilleiros son tan bos, como malos os seus; nin un ferido tivemos de bala de canón».
Estrada Catoyra recolle do diario de Ruibal un bo testemuño da batalla de Compostela: «Ás portas de Santiago sostivéronse no outeiro de Santa Susana (que é o campo da Estrela, de onde tomou nome este combate) e cubertos cos carballos, fixeron lume impunemente sobre as nosas columnas, que se detiveron no camiño real detrás da Virxe do Pilar. Mentres as catro compañías veteranas marchaban a envolver aquel punto pola dereita outras forzas combatéronos polos costados ata desaloxalos de tan importante posición. Colocaron na porta Fagera catro canóns e un obús, e o seu fogo foi contestado por igual número de pezas nosas situadas fronte a elas, no camiño real á dereita do campo do Pilar. Os franceses, arroxados do outeiriño de Santa Susana, correron polo campo do mesmo nome a introducirse na cidade (?) Case xunto a eles entramos pola porta atropelando as pezas e saltando por encima do cadáver do seu Comandante».
Os bravos da Reconquista de Vigo volven ser os protagonistas desta acción. Están todos, agás Cachamuíña, que segue a recuperarse, pero isto é boa mostra de que foi na vila olívica onde se xestionou a expulsión dos franceses de Galicia. Aquí se formaron os exércitos galegos e os seus mandos, aquí se decidiron as accións, desde aquí partiron a cada batalla e aquí estaba tanto o cuartel xeral de La Carrera como o comandante naval inglés, McKinley.
José de Santiago e Gómez narra o heroísmo de Morillo na batalla de Santiago: «Atacaron os franceses con vigor aos nosos, pero non obtiveron ningunha vantaxe. A pouco tempo de romper o fogo coñeceron os franceses a súa inferioridade para poder resistir o ataque, e empezaron a frouxear. Nisto, o valente coronel Morillo, co seu rexemento da Unión, cárgalles polo flanco á baioneta, mentres o brigadier La Carrera marcha de fronte con outras columnas, tómalles as súas posicións, das que son desaloxados, pronunciándose en completa derrota os franceses en dirección a Santiago. Favorecidos na fuga polo accidentado do terreo, sementan de armas o campo para correr de xeito máis doado, levando ao seu Xeneral Maucunne gravemente ferido de dúas balas de fusil».
O criminal Maucunne retírase, ferido de morte. Segundo outras fontes, os paisanos mesmo atoparon o seu cadáver. A vinganza galega foi feita. Segundo diversos testemuños, os mortos entre os franceses foron máis de catrocentos e fixéronse 260 prisioneiros. Ademais, conseguiuse un gran botín de armas e equipos, xunto a 41 arrobas de prata labrada e pezas relixiosas que os galos obtiveran dos seus saqueos por toda Galicia.
Pero, unha vez máis, non hai tempo para celebracións. Nada máis tomar Santiago, recibe La Carrera informacións de que o mariscal Ney, tras coñecer o desastre das súas tropas, decidiu saír de Asturias e marchar sobre o Oeste de Galicia. É así como, de novo, o exército galego pon rumbo a Vigo, a súa base, para intentar reorganizarse.
A Vigo, namentres, chegan as mellores novas. Toda unha flota, abandeirada pola fragata "Efigenia", e con varios buques de transporte, chega ao porto, traendo equipos militares e tropas de refresco ao mando do Conde de Noroña. Trátase de unidades de liña dos rexementos de Hibernia e Cataluña, e cabalería do Algarve, que responden ás reclamacións que fixo sen descanso Cachamuíña á Xunta Suprema Central.
O Conde de Noroña parte de inmediato con estes efectivos a sumarse ao exército galego, ao que atopa en Caldas de Reis o primeiro día de xuño. Noroña toma o mando da División do Miño e queda como segundo do xeneral La Carrera. Neste momento, sábese xa que Ney marcha cara ao Sur con forzas numerosas, perseguindo aos galegos. Pronto chegarán a Ponte Sampaio.
Alí, ao fondo da ría de Vigo, dirimirase a batalla decisiva.