O Festival de Cans comeza estudando a intensa relación de amor que mantén Galicia coas súas estradas
22 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Hai dous lugares no mundo no que un coche é algo máis que un aparello mecánico para moverse máis a presa e máis lonxe. Un é ese país que decidiu votar a Obama e outro é Galicia, ese país que decidiu votar a Feijoo. Nos dous casos, a demostración da importancia dos coches queda claro por como imos facendo a vida ao pé das estradas.
Asfalto ata o portal. Un dos grandes debate de Galicia ten que ver con que todo o mundo quería que o asfalto chegase ata o seu portal. Máis quería que a estrada pasara xusto diante da súa casa. Hai teorías sociolóxicas sobre iso, sobre a emigración, sobre levar o coche ata para ir a facer de corpo, pero non sempre explican esa querenza dos galegos por vivir o máis cerca posible dos tubos de escape. Cans comezou así: subíndose aos chimpíns para facer a historias de carretera.
Colle a «road movie» á dereita. Hai unha foto dos anos sesenta en branco e negro, cunha rapazas sentadas sobre o asfalto da estrada de Cans. Unha veciña di que ese tipo de fotos era case un xénero fotográfico. A estrada de Cans, de Juanma Lodo, vai diso do que a xente pensa e lembra das estradas. Falan da de Cans, naturalmente, atravesando a aldea cando aínda era unha carretera xeral e pasaban os coches de liña cara a Vigo. Pero en realidade falan de todas as estradas porque Galicia tivo unha relación de amor moi físico coas carreteras. E tal é así que o documental se expresa con ese medio tono melancólico de quen garda bos relembros dunha estrada pola que ía pasear os domingos. De quen fala da estrada como unha habitación máis da vida.
¿E se vas a pé? A peatonalización tamén chegou tarde a Galicia. Por iso a xente paseaba polas estradas. Antes de que se chamase peatonalización dicíanlle ir a pé. Sucede que hai críticos que cando nunha película os protagonistas camiñan moito non queren chamarlle road movie porque cren que iso e só para os coches e porque non queren recoñecer que aquí as estradas tamén son peatonais. O protagonista de A noite que deixou de chover, non deixa de camiñar. Alfonso Zarauza, o director, faille acometer un auténtico periplo nocturno que algunha xente asocia a paradas en bares de copas e outros espazos para o descanso. Pero non. É unha road movie e nen sequera podemos dicir que é moi urbana porque ese Santiago reconcentrado que exhibe parece máis unha aldea grande con esa chuvia que a ninguén lle parece rara e que se parece un pouco a de esoutra novela de estrada interior e aldea grande que é A esmorga.
Hai vida fóra da MTV. Se tes un día tonto e miras a MTV parece que seguíramos nos oitenta ou, como moito, nos noventa. Aquel xénero para adolescentes chamado videoclip ten madurado máis do que parece. Madura máis canto menos suxeito queda ao asunto de representar a musica e contar un interpretación. É dicir canto menos se entende como unha promoción da música e máis como un asunto para contar. Para o resto xa estaba Wham e outros grupos con ombreiras prominentes ou eses concursos de xente que fai que toca a guitarra e xa quedaramos que tampouco era iso.