A retirada francesa de Tui consolida as posicións dos vigueses, xa decididos a comandar a rebelión en toda Galicia. Na vila olívica, fórmanse novos batallóns, que se arman e fornecen grazas á axuda dos buques británicos que fondean regularmente fronte á Laxe e o Areal. A capital da provincia, pola súa banda, adícase á reconstrucción, pois quedou moi afectada pola ocupación. Ávila y La Cueva narra deste xeito a insalubridade que deixaron os franceses en Tui: «Como Tui e outros varios pobos do Bispado quedaron infectados da epidemia que había entre os franceses, acendeuse tal contaxio neles que era innumerable a xente que morría; nesta cidade, tanto antes de marchar aqueles como despois, causaba admiración ver os moitos que falecían».
Afirma o cronista que na cidade fronteiriza morreron non menos de 370 veciños, «segundo eu contei as súas partidas unha por unha, e quén sabe os máis que morrían e que non lles estendían partidas, porque naquela confusión e trastorno non é de estrañar quedase algún sen anotar. A maior mortalidade foi nos meses de marzo, abril, maio e xuño, pois deles houbo días de oito e dez mortos, e nunha ocasión vin traer a marido e muller xuntos a enterrar».
Os franceses foron tamén víctimas desta misteriosa enfermidade, segundo clarexa Ávila, que di que non conta nos 370 «aos moitos soldados franceses que morreron daquela epidemia, pois eran tantos os que falecían que os levaban en carros a enterrar aos campos, e a estes non lles puxeron partidas de defunción».
Tui non está para outra cousa que para recuperarse, e Vigo asume o papel de liderado da rebelión. Na vila olívica concéntranse todas as tropas, tendo en conta os problemas sanitarios da capital. García del Barrio instálase na vila olívica, xunto a todos os protagonistas da Reconquista, que regresan tras a campaña tudense.
O batallón da Victoria, tamén chamado da Morte, que fora formado en Vigo ás ordes de Colombo, restitúe forzas, do mesmo xeito que o Rexemento da Unión, que manda Morillo, con tres batallóns de dous mil homes. Tamén se forman os batallóns de Alarmas de Galicia, congregando ás partidas de paisanos que loitaran aquí. Desde a vila olívica mándase tamén ao comandante Joaquín Guijarro, para que dirixa o batallón do Morrazo, reunindo aos paisanos que tan activamente participaran na Reconquista.
Mentres as forzas se reorganizan, o gobernador Bernardo González Cachamuíña non deixa de adoptar disposicións para a mellor defensa da cidade. Pardo de Andrade, no Semanario Patriótico, narra os sufrimentos do heroe, que non abandona o traballo, a pesar das dores das súas moitas feridas: «O Señor González no medio de que se vía prostrado e bastante perigoso, e moitas veces con febre, de modo que non podía meditar como o esixían as circunstancias en que se atopaba; así e todo, esquecido un tanto de si mesmo polo amor á súa patria, fatígase e desvela por conservar a nova conquista que se adquiriu do seu sangue e a vida dalgúns paisanos». E continúa Pardo relatando algunhas iniciativas de Cachamuíña nestas datas: «Auxiliado polos comandantes ingleses e xente armada, (...) dispuxo se escarpasen as murallas, se formase unha ponte levadiza, que se necesitaba, se montasen canóns, se reparasen os castelos, se desbastasen as árbores ata o alcance do canón, e se puxese a praza (como efectivamente se puxo), en disposición de resistir calquera tentativa do inimigo, non podendo menos que ser recordado o infatigable D. Juan Abreu, Comandante de Artillería da Praza, que traballaba sen medida por levalo todo á posible perfección».
Recuperadas en Vigo as forzas dos sublevados, o tenente coronel García del Barrio decide abandonar a vila o 19 de abril con todo o exército que formou, auxiliado polos batallóns de Colombo e de Morillo, que se despregan cara ao Norte, coa intención de facerse fortes na beira sur do río Ulla.
O 25 de abril, o exército galego está formado en Pontecesures, á espera dos franceses, que non tardan en reaccionar. Unha vez máis, os galos deciden saír a dar un escarmento ao inimigo, sabedor de que está mal equipado e armado. Pero algo mudou nos últimos tempos. As inexpertas tropas galegas xa non o son tanto: Teñen experiencia de combate e, ademais, coñecen mellor o terreo.
O encontro prodúcese o 26 de abril en Pontecesures, nunha batalla en toda regra, na que Colombo e Morillo atacan polos flancos, mentres Márquez dirixe ás tropas polo centro.
O propio García del Barrio narra os preparativos da batalla de Pontecesures, na que se situou no centro, «coa vangarda composta polo Primeiro de Lobeira e as partidas de Colombo e Concha; púxenme en movemento ás tres da mañá para caer antes do día sobre a vangarda inimiga, situada no alto do cumio de Pontecesures».
Emboscadas
Aínda que os franceses, grazas á súa cabalería de elite, logran empuxar aos galegos, García del Barrio monta toda sorte de emboscadas que lles fan sufrir moitas baixas. Así narra el mesmo unha delas, na que armou unha columna de 400 tiradores, acazapados nun risco para sorprender aos galos: «Ás nove da mañá, hora en que o inimigo empezou a avanzar sobre o centro, mandei aos corpos segundo e terceiro que se me aproximasen sobre a mesa alta que hai ás costas da ermida, formados en columna. Ás dez da mañá, achegouse o inimigo para atacar as columnas que descubría por detrás da ermida, e á primeira descarga da miña emboscada, caeron 170 inimigos, o que puxo a súa columna de ataque en desorde».
Tras diversas escaramuzas, os galegos teñen que retirarse, pero logo de deixar moi tocadas ás forzas galas. Del Barrio afirma que sobre o campo quedaron cincocentos franceses, mentres que só tivo 50 mortos propios.
Estas cifras parecen esaxeradas, aínda que si é certo que, nesta ocasión, ante un exército mellor organizado, e non ante partidas de paisanos, os bonapartistas atravesaron grandes dificultades.
Os galegos volven retirarse cara ao Sur e, tras unha estancia en Ourense, para certificar a súa liberación, regresan a Vigo os principais rexementos, para preparar o asalto final pola independencia.
Nos días que seguirán, prepararán o asalto sobre Santiago, a primeira gran victoria galega a campo aberto. Será o anticipo da gloria definitiva en Ponte Sampaio, que significará a expulsión completa dos franceses.