Amarga victoria no Miño

VIGO

19 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Os vigueses se tiñan sumado ao cerco de Tui, pensando con bo criterio que deixarlle espazo e tempo ao xeneral Lamartinière podería rematar nun contraataque sobre Vigo. Pero o 10 de abril, os franceses recibirían un reforzo de catro mil soldados, que ocupan Valença. Trátase da División Heudelet, que ven de vencer aos portugueses en Ponte de Lima. Son demasiadas forzas e faise evidente que o sitio debe ser levantado. O cuartel xeral de As Penizas é disolto, e os vigueses retíranse cara á Louriña e os arredores da vila olívica.

Só un dos caudillos da rebelión opúxose á orde, indignado pola retirada. Tratábase do frade Giráldez, un dos monxes do convento vigués de San Francisco, que en xaneiro abandonaran o cenobio para converterse en guerrilleiros. O día 10, plantou cara a García del Barrio, e decidiu dirixirse a Vigo, a pedir permiso ao gobernador Cachamuíña para continuar co cerco, o que se lle admitiu, aínda que sempre augas arriba do río Louro.

Resulta curioso que os reforzos a Tui cheguen de Portugal, e non do norte de Galicia, onde se atopa o exército do mariscal Ney, Duque de Elchinguen, alcumado O Rubicundo e, tamén, O valente entre os valentes.

Pero o mariscal francés, cuxo nome en Galicia quedaría para chamar aos cans (Ney aínda é común, en homenaxe ao invasor), estaba moi atarefado no Norte. En Muros, Ney tivo que mandar ás súas tropas para sufocar unha rebelión, co que non puido dedicar grandes esforzos a socorrer a Chalot e evitar a reconquista de Vigo. A mariñeira vila coruñesa foi arrasada: Morreron oito veciños e foron queimadas 185 casas.

Animada polo éxito de Vigo, a revolta en toda Galicia xeneralízase, ao punto de que Ney chega a prohibir que se toquen as campás, pois este era o aviso da chegada de columnas francesas, alertando á poboación para que se levantase en armas. «Todo lugar en que se toque a rebato ben sexa á chegada ou á saída das tropas francesas, porase no caso de ser incendiado, se este toque tivese por efecto fomentar alborotos», dicía o bando do mariscal.

Pasado o tempo Ney ve chegada a hora de intervir no sur, tras a Reconquista de Vigo. Así, en abril manda desde Santiago a Tui unha columna de castigo formada por tres mil homes, ao mando do xeneral Maucunne. Trátase da expedición máis sanguinaria de toda a Guerra da Independencia en Galicia.

O 12 de abril, as tropas de Maucunne entran en Pontevedra, arrasándoa e provocando numerosas baixas entre os paisanos, a pesares da oposición dalgunhas lanchas canoneiras que lles disparaban desde o mar. Logo, continúan ata Ponte Sampaio, onde lles espera Morillo, cuns dous mil homes, mal armados, axudados por mariñeiros de Redondela, que instalaron na zona uns canóns sacados do fortín de Rande. A refrega remata con baixas entre os galegos e unha obrigada retirada, aínda que servirá a Morillo para coñecer mellor o terreo e preparar a batalla que, dous meses despois, dirimirá neste mesmo punto a expulsión dos franceses de Galicia.

Na tarde do 13 de abril entran as tropas de Maucunne en Redondela con ánimo de desquite, tras tanta oposición. A vila é saqueada, as casas incendiadas e oito redondeláns morren asasinados.

Todo isto o fan os franceses ás alancadas, pois levan atraso e xa non se deterán ata chegar a Tui. Na zona das Gándaras de Budiño, os paisanos do entusiasta frade Giráldez acosan aos galos, atacando a súa retagarda con fusileiros, logrando facerlles catro mortos e sete prisioneiros.

O xeneral Maucunne chega á capital tudense na noite do mesmo día 13 de abril, pero nin sequera entra na cidade. Ao ver que a guarnición de Lamartinière xa contactou coas tropas de Heudelet, que ocuparon Valença, os de Maucunne deciden que xa non son necesarios e optan por acampar en Rebordáns, para regresar a Santiago ao día seguinte. Así, o 14 de abril inicia esta columna unha ruta de morte na que sementará de cadáveres e incendios desde A Louriña a Ponte Sampaio. Osuna Rey calculou que nesa xornada foron asasinados 104 paisanos, dos que 28 eran mulleres, mentres que eran queimadas aldeas enteiras en Guillarei, Budiño, Atios, Porriño, Mos, San Esteban de Negros, Redondela, Vigo e Arcade.

José de Santiago cita a Schepeler, quen narra esta expedición: «Á súa volta, os franceses pegaron lume a Redondela e exercitaron a súa inhumanidade nos enfermos que alí quedaran. Arrastraron polas rúas a algúns daqueles infelices, arrincándolles as entrañas, racharon a outros a boca ata as orellas, violaron ás anciás enfermas ata que morresen, e profanaron as igrexas, devastadas con refinadísima depravación».

O regreso de Maucunne marcou a política de terra queimada á que estaban xa entregados os franceses, vendo que a rebelión en Galicia era completa. En Redondela quéimanse duascentas casas, algunhas con xente dentro, por atoparse doente, prostrada na cama. Namentres, os voluntarios de Giráldez e, máis adiante, os de Morillo, van acosando aos galos como mellor poden.

José de Santiago resume a revolta xeral: «Enfurecidos os pobos polas maldades dos bandidos que formaban o exército francés de Galicia, tomaron as armas, asasinando sen compaixón á soldadesca francesa, para imporse polo terror e vingar os atropelos que tiñan sufrido os pacíficos e indefensos pobos destes novos bárbaros. Os correos franceses, os atrasados, enfermos, feridos ou extraviados, non atopaban piedade no nobre peito do pobo español, orgulloso da súa independencia. Máis de tres mil soldados do corpo do Mariscal Ney foron esnaquizados pola heroica veciñanza galega, en vinganza dos atropelos que cometían os franceses. Moitos soldados veteranos, que recordaban as victorias de Austerlitz e Wagram, e algúns xefes e oficiais, foron mutilados e convertidos en eunucos»·.

É xa evidente que non existe volta atrás. O terror instalouse en Galicia. Ney xa non entende senón de gañar o Reino por esmagamento. E os paisanos saben que da expulsión dos exércitos de Bonaparte depende a súa propia existencia. Xa non hai lugar para a rendición nin o pacto. A máxima de Napoleón de que a guerra debe alimentar á guerra chegou á súa máxima expresión. Galicia arde polos seus catro costados.

Nos días que seguiron, foron incendiadas máis aldeas na contorna de Tui e o 16 de abril, contra todo prognóstico, os franceses evacuaron a praza xunto á de Valença, para unir as forzas de Lamartinière e de Heudelet ás de Soult, que estaba a ser castigado por portugueses e ingleses ao sur do Porto.

Foi así como Tui non foi reconquistada, nin houbo rendición algunha. Simplemente, logo de tantos desvelos, logo de tanta morte, as tropas invasoras recolleron os seus equipos e marcharon, deixando aos valentes galegos, xunto a un gran estupor, un inmenso alivio.