Chalot sigue a enredar. Morillo envía como emisarios aos capitáns Colombo e Pardo Benedicto, para fixar os termos da rendición dos franceses. Pero o comandante dos ocupantes responde que desexa acollerse á Convención de Sintra, pola que en agosto de 1808 os franceses que se renderon en Lisboa foron devoltos a un porto francés. Os vigueses non están dispostos a repetir o erro dos portugueses.
Xa entrada a tarde do día 27 de marzo, Morillo contesta a Chalot que os seus homes deberán saír desarmados, deixar en Vigo os cartos da caixa do seu exército, embarcar nun buque inglés e viaxar a Inglaterra como prisioneiros. Cando menos, se respecta a principal demanda de Chalot: entregarse aos británicos, pois o francés teme que, tras as aldraxes cometidas durante a ocupación, a rendición derive nun linchamento.
Os mandos discuten, pero no cuartel xeral de Lavadores xa se daba augardente aos paisanos, para estimular a súa valentía. Mentres as tropas viguesas comezan a baixar cara á vila amurallada, Chalot acepta embarcar na fragata Venus para pechar os termos da rendición.
A noite do 27 de marzo de 1809 caeu sobre Vigo como unha máis de tantas, anunciada polo tanxido das campás das igrexas. Un viaxeiro pouco avisado, que chegase entón á vila, e observase a escena desde o monte Alba, a penas podería distinguir aquel solpor de tantos outros, se non fose polos numerosos lumes que se vían ao redor de Vigo, que ocupaban as rúas da barriada do Areal e que rubían polos outeiros cara a O Fragoso, Lavadores e Bouzas. O bronce de todos os torreiros soaba tan triste coma sempre, repicando o seu eco polos retallos de bruma da ría á noitiña. O raro foi que, nese ocaso do 27 de marzo de 1809, as campás non deixaron de soar. Seguiron a tanxer sen descanso mentres aqueles lumes, de súpeto, comezaron a moverse todos, de todos puntos, nun mesmo camiño: as murallas de Vigo.
Eran as oito e media da noite cando se desatou a batalla. A bordo da Venus , Chalot segue a dar escusas para demorar a rendición, pero xa é tarde. O francés comprendeuno cando o barco tremeu con estrondo. Os seus canóns, xunto aos da Lively , comezan o bombardeo sobre os fortes de San Xulián e San Sebastián, mentres as masas de voluntarios vigueses caen sobre todas as portas das murallas.
En contra do que se cre, a Reconquista non foi unha simple algarada. Tras tantos días de asedio, houbo organización. O capitán Cachamuíña, coas tropas de Santa Cristina, dirixiuse cara ao castelo do Castro. Os voluntarios do Fragoso marcharon cara á porta da Ribeira e o castelo de San Sebastián. E, para rematar, os de Santo Antoíño foron cara á porta da Gamboa. Desde Bouzas, xunto aos paisanos desembarcados de O Morrazo, marcharon os mariñeiros cara ao Berbés e A Laxe, para ver de ocupar todo o perímetro das murallas.
A organización das forzas viguesas tiña unha estructura definida. O abade de Valadares era o comandante xeral da división do Fragoso, con Parada como segundo, e Francisco Benito Rúa como axudante. O tenente Almeida mandaba unha división formada por xentes de A Guarda, Baiona e Portugal, con Juan Alejo de Inda como segundo, e o alférez Melchor González como axudante. Para rematar, o xuíz de Tui, Cosme Antonio Rodríguez Seoane, mandaba outra división, co procurador Ramón Barcia como segundo.
A estas divisións uníanse os máis de tres mil homes que mandaban Cachamuíña e Colombo, xunto a vinte e seis «trozos», formados por paisanos mandados por líderes parroquiais. En total, podemos falar dunhas forzas combinadas de entre seis mil e nove mil homes, cifras que falan do formidable levantamento popular que se produciu en toda a comarca contra a ocupación francesa.
José de Santiago narra os primeiros momentos da batalla: «Os esforzados sitiadores, formando nutridas columnas de ataque, avanzaban a un tempo por varios puntos, sostendo vivo fogo de fusilería, desprezando o que facían os franceses, con pouco dano, pola escuridade da noite».
Mentres uns fusileiros disparaban á cima das murallas, outros vigueses intentaban rubir por elas, con escaleiras e cordas. Dentro do Vigo amurallado, os veciños colaboraban como podían, tentando nalgúns casos de abrir algunha porta pola que puidesen entrar os insurrectos.
A refrega máis famosa da batalla viviuse na porta da Gamboa, situada cara ao Leste e que se abría cara ao barrio do Areal. Alí reuníronse numerosos paisanos, mentres os franceses tiroteábanlles desde arriba. O obxectivo era derrubar a porta e diversos cronistas sinalan que neste empeño caeu morto «un ancián mariñeiro do Berbés», ao que chamaban Carolo. Ninguén logrou ata o de agora identificar a este heroe local, que quedou no anonimato. Non aparece por tal nome nos libros de defuntos parroquiais, aínda que podería ser un alcume.
De todos os xeitos, Carolo tivo que existir, porque o nomean nos seus informes Pablo Morillo, Cachamuíña e Vázquez Varela. Avelino Rodríguez Elías, que foi cronista da cidade, chegou a poñerlle nome a Carolo. Cre que se chamaba José Ovelleiro. Pero non atopamos este nome nos libros de defuntos das parroquias de Vigo. E, de morrer, o mariñeiro do Berbés Carolo tería que ter rexistrada a súa defunción.
Pero volvamos á acción. Caído o vello mariñeiro do Berbés, é o propio Bernardo González Cachamuíña quen toma o machada e continúa a derrubar a porta da Gamboa, baixo o fogo dos franceses. José de Santiago describe a escena: «Arrebata a machada de mans do morto para substituírlle o valente capitán de milicias González (Cachamuíña), mozo de alta estatura e hercúleas forzas, e comeza a bater na robusta porta con extraordinario brío, sen temor ao fogo de fusilería que lle dirixen os asediados, nin ás feridas de tres balazos que recibe nunha perna: a cada golpe da tallante machada voa en achas a temible porta, que ao fin caeu en anacos, dando entrada aos sitiadores na vila, á conta da vida de sete valentes, que pagaron co seu sangue a sacra débeda á patria. Cachamuíña, ferido de tres balazos nunha perna, recibiu un cuarto balazo, polo que o retiraron dous dos seus homes do lugar». Para ser moi precisos, por unha carta do propio Cachamuíña saberemos máis tarde que o número total de balazos recibidos foi de tres, e non de catro como afirma De Santiago.
A bordo da Venus , Chalot, desfeito, firma a rendición. Morillo baixa a terra e calma os ánimos. Os franceses están rendidos. Consumouse a Reconquista.
Na mañá do día seguinte, os ocupantes entregarán a praza.