Os ánimos están exaltados. Restan dous días para a toma de Vigo e os voluntarios presionan aos seus mandos, esixindo o asalto inmediato sobre as murallas. A tensión non é menor entre os comandantes, entregados xa a unha auténtica guerra aberta polo poder, que a piques estivo de rematar con fusilamentos. As primeiras friccións comezaron coa chegada de Joaquín Tenreiro e do tenente Almeida, que tentaron impoñerse ao abade de Valadares e ao alcalde do Fragoso. Pero a aparición na escena de Pablo Morillo esperta a tempestade.
Xa desde o primeiro día, o militar zamorano atribúese o mando dos sitiadores, argumentando que é o comisionado da Xunta Central. Os vigueses protestan con boas razóns, pois é certo que o sitio o teñen organizado eles, que xa pediron a rendición a Chalot e que non precisan a Morillo para nada. Éste, un home máis que ambicioso, non aceptará queixas: Quere o poder e os loureiros.
Ata o 25 de marzo, a guerra de comandantes mantense soterrada. Morillo partiu uns días antes a Ponte Sampaio, co obxectivo de armar a zona para conter unha posible chegada de reforzos do mariscal Ney. Durante a súa ausencia, Tenreiro e Almeida conspiran contra Morillo. Así o conta o outro comisionado da Xunta, Acuña y Malvar: «Atopándose coas disposicións de Morillo, tratan de chocar contra elas, e logran dividir ao pobo, reducíndoo a unha completa anarquía. Advertindo Morillo os desgraciados resultados de tal competencia, abandonou a Redondela e alarmou a todos os pobos ata dar en Ponte Sampaio».
Cando regresa Morillo a Vigo, chega decidido a tomar todo o poder como sexa. Vai acompañado por tres mil homes, e con Cachamuíña e Colombo como lugartenentes. A súa primeira medida é ignorar ao abade de Valadares e a Tenreiro, renunciando ao cuartel xeral de Lavadores e establecendo un campamento propio no Areal. José de Santiago censura esta actitude: «Chegan ás inmediacións de Vigo o día 25, corréndose ata o barrio do Areal, decididos a encargarse da dirección do sitio, recollendo para si os loureiros dunha victoria que consideraban inmediata e prescindir en absoluto dos outros caudillos do cerco».
Un feito seguro
En mensaxes cruzadas, Tenreiro quéixase de que a reconquista de Vigo é un feito seguro, e que non teñen por qué aceptar o mando de Morillo. Éste, na madrugada do 26 de marzo, toma unha decisión crítica: Vai deter a Tenreiro e ao portugués Almeida, e encarceralos. En caso de resistencia, está disposto a fusilalos.
Á unha da madrugada preséntase en Lavadores Morillo, cunha partida de oito soldados e un sarxento, coa intención de arrestar a Tenreiro. Pero no cuartel xeral atópase con dous descoñecidos, os señores Coutts Crawford e George Mackinley, capitáns das fragatas inglesas «Venus» e «Lively», respectivamente. Os buques chegaron a Vigo mentres Morillo estaba en Ponte Sampaio, co que non os coñece. A sorpresa salva a vida de Almeida e de Tenreiro.
Os británicos atopábanse no cuartel xeral de Lavadores planeando o asalto a Vigo, tras varios días de reunións co abade de Valadares. E foi para eles unha penosa sorpresa comprobar o xiro que estaban a tomar os acontecementos, cos sitiadores enfrontados entre si.
Coutts Crawford e George Mackinley tomaron partido por Tenreiro e o abade de Valadares, posto que levaban máis tempo no cerco da praza e os coñecían dos últimos días. Morillo tivo que asumir este formidable revés e aceptar a humillación de volverse ao Areal cos seus oito soldados e o seu sarxento, pero sen prisioneiros.
Morillo tería, con todo, ocasión de resarcirse. Ao día seguinte, obriga aos mandos do sitio a que o consideren, no sucesivo, coronel, un ascenso que xustifica porque o comandante Chalot di que precisa renderse ante un oficial de alta graduación. Ademais, decidirá actuar pola súa conta.
Na mañá do día 26, Tenreiro, querendo adiantarse a Morillo, preséntase en Vigo e reúnese con Chalot, esixíndolle a rendición, que debe firmar en 24 horas, esto é, antes das 12 de mañá do luns, 27 de marzo. O comandante francés amósase disposto a capitular, segundo afirmaría logo o alcalde Vázquez Varela, que tamén asiste ao encontro.
Ás tres e media da tarde, cando Tenreiro regresa ao cuartel xeral de Lavadores, atópase con Morillo, que está a distribuír a seiscentos homes polas trincheiras máis próximas ás murallas da vila. José de Santiago, Estrada Catoyra, Vázquez Varela, Acuña y Malvar... Historiadores e testemuñas coinciden en que o encontro é terrible. Morillo despreza a Tenreiro, mesmo insúltao, ignora ao portugués Almeida e insiste en que só el mesmo está capacitado para falar con Chalot e fixar os termos da rendición. De seguido, actúa pola súa conta.
Ás catro e media da tarde do 26 de marzo, Morillo redacta unha nota no seu cuartel do Areal e da un ultimátum a Chalot: Ten só dúas horas para renderse. O francés, un home vivo, como sempre demostrou, contesta con evasivas, subliñando a súa confusión porque Tenreiro lle ten dado 24 horas na súa conversa da mañá.
Insiste Morillo, pero Chalot segue a dar escusas, aducindo que ten que reunir aos seus oficiais, que precisa máis tempo para preparar a rendición e confiando, secretamente, en que o xeneral Lamartinière lle mande reforzos desde Tui.
O cruce de cartas entre os dous comandantes resulta un interesante exercicio de esgrima dialéctica. É agradable de ler, como desagradable é asistir as loitas cainitas entre os líderes da sublevación viguesa, que tras a Reconquista, nos informes que cada un deles redacta para a Xunta Central, se dedicarán a criticar aos adversarios, ensalzando os seus méritos e rebaixando os do rival. Foi todo isto un lamentable espectáculo.
Cae a noite do día 26 e Morillo e Chalot continúan intercambiando misivas. Ao tempo, nos cuarteis de Lavadores e do Areal, os voluntarios prepáranse para a batalla. O pobo, este si unido, non como os seus mandos, vela armas ante a batalla final que xa é inminente. O 27 de marzo, cando o sol se levante sobre a ría desde as serras do Suído, comezará o día clave para a Reconquista.