Chega a hora dos comandantes

VIGO

24 mar 2009 . Actualizado a las 11:36 h.

Vigo xa conta con todos os protagonistas da Reconquista. Nos últimos días, veñen de chegar Cachamuíña e Colombo, novas forzas portuguesas e os enviados da Xunta Central, Pablo Moriño e Manuel Acuña y Malvar. Na ría, fondeadas fronte á Laxe, están as fragatas inglesas Venus e Lively e a vista dos seus canóns ten ao comandante Chalot convencido de que, sen reforzos urxentes, está perdido.

Cachamuíña entra en Vigo o 21 de marzo, o mesmo día en que o fan os comisionados Morillo e Acuña y Malvar. A rendición das prazas de Galicia producira grande malestar entre os rexedores de Sevilla, que publicaron diversos oficios nos que cualificaban de «covardes» aos galegos, por entregar «sen loita» todo o país. Para a Xunta sevillana, Galicia era unha «filla desnaturalizada da patria». Os feitos virían logo a desmentirlles, pois foi Galicia a primeira rexión liberada en toda a Península, tras só seis meses de ocupación. Pero enviaron militares que levantasen ao pobo. Non sabían que, para cando chegaron, os galegos xa están mobilizados.

Os dous emisarios representaban as dúas «españas» da época. Morillo estaría anos despois en bandeira do absolutismo. E o crego pontevedrés Acuña y Malvar, liberal, sería castigado por Fernando VII e recluído no mosteiro de Herbón. Trabúcase quen pense que a Reconquista se fixo en defensa do Antigo Réxime. Foi o Borbón tan «Desexado» quen traizoou o espírito de Cádiz seis anos despois da victoria en Vigo.

A chegada dos comisionados provoca unha conmoción no cuartel xeral de Lavadores. Se xa había receos para admitir como xefe a Joaquín Tenreiro, e máis aínda ao portugués Almeida, fronte á autoridade do abade de Valadares, agora é Morillo quen reclama para si mesmo a dirección do sitio, o que provoca novos enfrontamentos.

Acuña y Malvar describe a situación: «Tenreiro e Almeida decatáronse da nosa comisión, e aínda que a recoñeceron, non por iso fixeron demasiado caso, medorentos ao meu entender de que lles desposuísemos do mando. Proseguiron nel sen contar case connosco o 22 e 23, de cuxo procedemento resentiríase Morillo».

O primeiro encontro entre Morillo e Tenreiro provocará graves tensións, que derivarán nun intento de detención do segundo polo primeiro, cruces de cartas e informes denigrando ao opoñente e un absoluto caos na negociación con Chalot, que cada cal fai pola súa conta.

O día 23 de marzo, os vigueses reciben con gran ledicia a chegada de dous barcos ingleses, que fondean na Ría dispostos a colaborar co cerco vigués.

Os buques son as fragatas Lively e Venus, da Armada da súa Maxestade Británica, que coa súa soa presenza facilitan xa o desembarco de xentes do Morrazo, que se van unindo ao cerco. Os comandantes destes barcos baixan a terra e parlamentan en Lavadores cos líderes locais, prometéndolles o seu total apoio. Pero non atopan a Morillo, que partiu esa mesma mañá cara a Pontesampaio, onde unha columna de 1.600 franceses (algúns din 800 ou 1.800) tenta pasar para socorrer a Chalot en Vigo. Pero, por fortuna para os vigueses, os reforzos non pasan de Pontevedra.

Mentres Morillo está en Ponte Sampaio, Tenreiro e Almeida non queren ser menos e marchan sobre Redondela, para preparar a defensa no caso de que cheguen á zona os reforzos franceses. Nesta situación, queda o abade de Valadares como principal autoridade no cuartel xeral de Lavadores e obsérvase que o seu mando sobre os veciños comeza a quebrarse, tras tantos conflictos de mando.

Acuña y Malvar narra a tensión en Lavadores, onde os veciños queren tomar as armas de contado: «Os paisanos empeñábanse en que querían asaltar a praza. Dicíase que a praza de Vigo contiña inmensos tesouros. Os paisanos pretendían repartilos entre si mentres os demais estaban fóra: tanto pode o interese».

«Tanto pode o interese!», láiase Acuña, demostrando que moitas interpretacións interesadas, que falan en exclusiva do patriotismo como único motor dos vigueses, son manipulacións da realidade. Se analizamos as motivacións dos protagonistas, temos que recoñecer que a meirande parte dos paisanos e líderes loitaron por defender ós seus fogares, ás súas familias, por vinganza ante os excesos dos franceses e, nalgúns casos, por cobiza. O «tesouro» que se agochaba en Vigo era un cebo moi forte para moitos dos sublevados.

Ao tempo, dentro das murallas, continúa a guerra soterrada de desgaste entre o alcalde Vázquez Varela e o gobernador Chalot. O rexedor vigués envía unha carta ao francés na que lle indica que a súa situación é desesperada: «A situación desta pobre vila é moi crítica, señor gobernador, moito máis para min que non atopo xa remedio algún de remediala; compréndenme os clamores continuos dos miserables que rodean a miña casa e a miña persoa por cantas rúas saio (...) e o meu corazón forte ata o de agora desfalece desexando máis ben morrer que sobrevivir a tanta desgraza».

Non se abranda Chalot, aínda que permite a Vázquez Varela que os veciños poidan saír de día das murallas para conseguir provisións. Pero o gobernador militar, Limousin, ameaza con represalias se esta liberalidade axuda aos sublevados: «Deben estar seguros que se redobrará toda dilixencia e celo para impedir toda comunicación co inimigo». Se descubre algún contacto, se empregarán «todas as medias de rigor que sexan necesarias a fin de que os culpables sexan severamente castigados».

Secretamente, Vázquez Varela pide aos veciños que agochen os víveres que posúan e a fame apodérase da vila. Para seguir danando a moral dos franceses, insinúa tamén a chegada inminente dunha epidemia de peste. A miseria, escribe o alcalde a Chalot, «desenvolve enfermidades contaxiosas, precursoras dunha espantosa epidemia».

Todo sirve para botar por terra a moral dos ocupantes. Fora, os sublevados xa teñen a praza rodeada a tiro de fusil. No cuartel xeral de Lavadores, os vigueses devecen por tomar as armas e asaltar as murallas. Os novos mandos, como Morillo e Cachamuíña, ocupan posicións estratéxicas en Redondela e Pontesampaio. As fragatas Lively e Venus ameazan a vila cos seus canóns. E, intramuros, os veciños sabotan toda iniciativa francesa, mentres Vázquez Varela martiriza a Chalot cos seus escritos.

Nos días que restan, veremos que o exército imperial, os case mil cincocentos homes da guarnición francesa en Vigo, comezan a tornar o temor en pánico. A victoria dos vigueses está próxima.