Acoso xeral ás forzas de ocupación

VIGO

15 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Os franceses xa non dominan o terreo. O exército imperial, que ten colleitado unha victoria tras doutra en toda Europa, vese impotente en Galicia para controlar a situación. O seu pesadelo foron primeiro as espontáneas partidas de paisanos, que caían sobre as súas tropas illadas. Agora, a rebelión está máis organizada. E Vigo comanda a resistencia, xa mesmo cunha estructura de mandos e un cuartel xeral que se ten trasladado de Zamáns a Lavadores. O cerco estréitase. E a dúbida prende no comandante Chalot e nos case mil cincocentos soldados que ocupan Vigo: «Ao exército de Francia non o derrotará xamais unha guerra de paisanos... Iso non é nada», dixo Bonaparte. ¿Tería razón o Emperador?

A rebelión viguesa prendeu como a pólvora en toda a bisbarra. A mediados de marzo, cóntanse por milleiros os voluntarios que se presentan para loitar. O día 12 hai noticias das primeiras escaramuzas dos paisanos, que acosan aos soldados franceses cando saen das murallas na procura de alimentos e forraxe para os seus cabalos. En principio, estes ataques non pasan de pequenas refregas, que sementan a inquietude entre os galos, nos que se instala o convencemento de que os paisanos non aceptarán sen loita a ocupación da súa terra.

É o 18 de marzo, pouco máis tarde da chegada á zona de Tenreiro e de Almeida, cando o abade de Valadares decide achegar a sede do seu cuartel xeral a Vigo. Descendendo da seguridade dos altos de Zamáns, instala ás súas tropas e comandantes en Santa Cristina de Lavadores, xa nas inmediacións da vila, sen que os franceses, constantemente acosados, se atrevan a saír cunha expedición de castigo que disolva a rebelión.

O 19 de marzo, os paisanos inician un primeiro ataque formal á praza, con fogo de fusilería que é respondido desde as troneiras das murallas. No Areal, a saída dalgúns dragóns franceses logra poñer en fuga aos sublevados, pero por primeira vez obsérvase que o obxectivo vigués non se limita a acosar aos ocupantes, senón que desexan reconquistar a praza. Están a piques de suceder grandes acontecementos. Para narralos, debemos viaxar un curto tempo atrás, e seguir a algúns personaxes que van converterse en heroes da Reconquista. O primeiro é Cachamuíña, a quen xa viramos dirixindo escaramuzas na comarca do Carballiño, a mediados de febreiro.

Bernardo González del Valle fora nomeado polo marqués de la Romana «comandante dos paisanos armados». Tras as súas accións en Ourense, Cachamuíña decide repregarse cara a Pontevedra, acosado polas tropas do mariscal Ney. Así, penetra na comarca de Terra de Montes, onde é protagonista de diversas refregas e remata por entrar en Pontevedra, xunto coas forzas de Colombo, para instar ao alcalde e ás autoridades locais a que se rebelen contra os ocupantes. Os franceses chegaron a enviar unha expedición de castigo contra as forzas de Cachamuíña, ao que non lograron capturar. É tras estas operacións cando o comandante ourensán decide dirixirse a Vigo, onde se converterá no maior heroe local.

Namentres, en Vigo, as saídas dos franceses fora das murallas vanse facendo máis esporádicas. José de Santiago y Gómez cóntanos como o 19 de marzo decide Chalot enviar unha expedición de castigo, que fracasa: «Os inimigos preparan unha forte columna de infantería e dragóns, ben como consecuencia da fame que empezaba a sentirse, ou xa polos insultos dos envalentonados sitiadores». «Os franceses -continúa De Santiago- emprenderon por fin a súa saída pola porta da Gamboa, seguindo o camiño do Areal, marchando protexidos polo fogo dos fortes; mais, como os sitiadores atopábanse preparados a recibilos, batéronse con vantaxe desde os seus parapetos, sen que o inimigo puidese avanzar máis do tiro de canón da praza, tendo que retirarse á noitiña con perdas considerables».

Ao día seguinte da refrega, o cerco refórzase con cincocentos paisanos chegados do Morrazo, na súa maioría de Cangas, que desembarcan en Bouzas. O éxito do día anterior e a chegada de reforzos animan aos vigueses, que deciden presentarse ante Chalot para pedirlle que se renda. Tras unha reunión no cuartel xeral de Lavadores, búscase a un paisano que saiba falar francés e atópano na persoa do vigués Juan Antonio Fernández Varela, que con gran audacia plántase ante o gobernador francés e esíxelle que entregue Vigo aos sitiadores.

É o 20 de marzo, unha semana antes da rendición efectiva, e xa Chalot contesta con evasivas, sabendo que a situación lle é desfavorable. Así, pide unha prórroga de 48 horas para dar unha resposta, mentres espera que o mariscal Ney decida enviar tropas para liberarlles do sitio, pois nin sequera poden mandar emisarios para dar noticia das penalidades que atravesan.

Dentro das murallas, a situación é dramática. Alarmado con que os propios veciños se rebelen contra as súas tropas, Chalot ordena que se creen patrullas de policía, que percorran as rúas. Vázquez Varela acepta o encargo, pero o converte nunha nova arma contra o inimigo, pois pola noite estes vixiantes vigueses, aparentando o maior celo e vixilancia, adícanse a facilitar «a entrada de emisarios e saída de xente, armas, municións, cartos, medicamentos e canto podía proporcionarse ao campamento», como conta José de Santiago.

Para colmo, a situación en Vigo é dramática. Como os franceses non saen, por medo a que os maten, non entran alimentos para homes nin bestas. No Arquivo Histórico Nacional, en Madrid, atopamos un conxunto de cartas cruzadas entre o alcalde Vázquez Varela e o gobernador Chalot, nas que se denuncian as penalidades que están a padecer os vigueses. O rexedor carga as tintas en que a situación é xa «insostible», para animar indirectamente ao francés a que se renda.

«Toda a veciñanza, efecto das tropas que tiveron aloxadas na súas casas, atópanse privados xa do máis preciso alimento de pan e carne, e próximos a ser víctimas da necesidade que aumenta os seus males. Os veciños, ademais, vense continuamente ameazados da tropa para que se lle dea víveres que non teñen para si, chegando todos á desesperación de quen desexa a morte, e poña fin a tantos males», escribe Vázquez Varela a Chalot.

Queda claro que os franceses están xa desesperados. O mellor exército do mundo, unha máquina de guerra que semellaba invencible, ten perdido o control da situación. Poden con eles uns pobres paisanos: Os valentes vigueses.