Vigo réndese aos húsares de Nicolás

VIGO CIUDAD

01 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O 31 de xaneiro de 1809, Vigo entrégase aos franceses. Unha avanzada de soldados, enviada polo xeneral Franceschi, chega á vila e esixe a rendición. Así o contará o propio alcalde, Vázquez Varela: «Vímonos sorprendidos na mañá do mesmo trinta e un de xaneiro por unha compañía de húsares en número de cento trece homes que intimou a rendición, e admitiuna o comandante baixo unha capitulación que asinou, tendo xa na praza ao Inimigo, á que o día seguinte concorreron mil douscentos homes de Infantería francesa e aos tres días catrocentos cincuenta Dragóns».

A primeira reacción dos vigueses é rebelarse e tentar resistir. Pero o gobernador Juan de Villavicencio comparece na Gamboa e logra acougar un pouco os ánimos, mentres os franceses esperan fóra da muralla. A instancias do alcalde Vázquez Varela, reúnense os veciños na praza situada fronte á Casa da Vila, hoxe da Constitución. Alí, Villavicencio fala aos congregados e explícalles que, aínda que el mesmo empuñaría as armas como un máis, a prudencia empúrralle a decidir a rendición porque, como logo escribiría, non contaba «para a defensa da praza, con máis que trinta e nove soldados de cabalería, os inválidos, dezaoito oficiais e soldados extraviados do exército do Norte e os douscentos milicianos honrados; que todo non chega a trescentos homes útiles».

O historiador Santiago y Gómez relata a calamidade dos defensores vigueses: «O resto dos veciños carecía de armas, por canto a cantidade que existía no parque o ano anterior servira para municionar e armar ó exército do Marqués de la Romana; que aínda que era certo había tamén cinco lanchas canoneiras, carecíase de provisión de víveres, que as municións eran escasas, que faltaban artilleiros capaces para manexar as pezas de artillería e que, sobre todo, non faltando aos franceses para a ocupación completa de Galicia máis que tomar esta vila, era consecuente que, se atopaban resistencia, caesen sobre ela grandes forzas inimigas e causasen males terribles».

A pesar das protestas populares e das obxeccións de Vázquez Varela, acátase a decisión de render a praza. Os veciños abren a porta da Gamboa e entran dous escuadróns de húsares mandados polo maior Nicolás. O xeneral Gómez de Arteche criticaría duramente a Villavicencio por entregar Vigo, mentres que o francés Le Noble, que fora intendente de Soult en Galicia, destaca nas súas Memorias que só dúas prazas fortes foron entregadas sen loita a emisarios de xenerais franceses: A de Vigo e a de Stettin, en Alemaña.

O historiador Estrada Catoyra despáchase contra Villavicencio: «O gobernador de Vigo Villavicencio non correspondeu á confianza que en el depositara o pobo vigués e entregou a praza sen o menor reparo, sen facer a menor resistencia».

( Continúa na páx. 5 )