Vigo destitúe ao seu alcalde

VIGO

25 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Mentres as tenaces se pechan sobre Galicia, Vigo espera alarmada a invasión inminente. Pero, segundo afirma o historiador Santiago y Gómez, ninguén estaba disposto a entregarse: «Os veciños de Vigo, cheos de entusiasmo, prepáranse para resistir ao invasor e encargan a D. Manuel Jacinto Gómez que artillase os fortes, e todos os seus conveciños axudan a este patriota con grande ardor, conducindo a brazo aos castelos e baluartes, non só os canóns que deixaron os ingleses, senón que desembarcaron os que tiñan a bordo algúns barcos corsarios que estaban ancorados no porto».

Resulta crible este entusiasmo. De feito, a vila viviu unha auténtica revolución nas xornadas previas á conquista francesa. Nestes mesmos días, pero hai dous séculos, o pobo vigués levantouse nun motín, xulgando que as súas autoridades non poñían dilixencia dabondo na defensa da vila. Os veciños pecharon no castelo do Castro ao gobernador militar, Francisco de la Rocque, e ao alcalde, José Antonio Alonso Cayro. Con eles, foron tamén detidos polo pobo varios fregueses acusados de afrancesados, entre eles algúns ricos comerciantes.

Tras a revolta, os vigueses nomearon gobernador militar ao capitán de navío Juan de Villavicencio y Puga, e como alcalde, a Francisco Javier Vázquez Varela, avogado da Real Audiencia de Galicia e do seu ilustre Colexio.

Novos cargos

O día 25 de xaneiro, a veciñanza elixe novos Rexedores e resultan os seguintes: José Ramón González Carvajal, José Antonio Rúa, Afonso Díez López, Manuel de la Fuente, Diego Núñez de Murcia e Gaspar Masseti. Para Deputados de Abastos, elíxese a Pedro Abeleira, Benito Pereira, Francisco Julián Pérez, Manuel Álvarez, José Iglesias e Francisco Fernández. Para rematar, para Procuradores Xerais desígnase a Manuel Jacinto Gómez y González e Alonso Díaz Polo. Como secretario, elixiuse ao escribán José López Varela.

Pero non todos eran felices con estes nomeamentos, tendo en conta o que lles viña enriba, cos franceses ocupando Galicia. De puño e letra de Vázquez Varela sabemos que non asumiu con especial agrado o cargo de alcalde e que ata intentou declinar o ofrecemento. No seu parte elevado á Xunta Central o 23 de abril de 1809, cóntao así: «O non esperado embarque do Exército Inglés e entrada do Inimigo, renderon A Coruña e Ferrol, confundiu o patriotismo destes leais vasalos, moito máis sabendo que a cidade de Santiago chamou aos franceses, como tamén Pontevedra, recibíndoos voluntariamente. Sufrira antes este pobo unha emoción nos días 23 e 24 de xaneiro, que produciu algúns excesos depondo nela ao Gobernador, que arrestaron con outros ao Xuíz e rexedores, nomeando Comandante militar ao capitán de Navío retirado Don Juan Villavicencio, novo Xuíz e algúns rexedores; convocouse á veciñanza que confirmou a elección de Comandante, elixindo novos Individuos de Concello, e a min por Xuíz, destino que foi preciso aceptar en iguais circunstancias, non admitíndome a escusa de Tesoureiro de Rendas».

O documento mostra que Vázquez Varela non estaba polo labor de asumir a Alcaldía. Curiosamente, destaparíase logo como o mellor alcalde que tivo Vigo na súa historia.

Nos cinco días que pasan entre a rebelión popular e a chegada dos franceses, a axitación na vila é enorme. Todos os veciños, de calquera idade, colaboraron en preparar a defensa, facendo provisión de víveres ante un posible asedio e dispoñendo en lugares estratéxicos das murallas as pobres pezas de artillería de que dispoñían.

Falsas noticias

Namentres, os franceses apresúranse a alcanzar Vigo. Teñen informes militares que lles fan sospeitar que o Marqués de la Romana, comandante das tropas dispersas polo Noroeste, está a desprazarse cara ao porto vigués. Por iso, desexan cortar este intento de retirada dos españois. Estas informacións eran falsas, pero chegaron aos mesmos ingleses. No diario londiniense The Times atopamos o nome de Vigo en primeira páxina, cunha nota de correspondente que informa que De la Romana pode atoparse na vila olívica ou en Baiona, e que podería ser interesante un desembarco inglés que lle axudase na súa resistencia ao francés.

«É unha gran satisfacción indicar que o marqués de la Romana foi quen de poñerse nunha situación na que depende soamente da nosa propia actividade para relanzalo; se a nosa administración o xulga convinte, debería enviarlle socorros que lle permitan lanzar unha ofensiva».

«O movemento do marqués, despois da desfeita do seu exército en León, (...) estábase producindo cara a Portugal. (...) Pero agora dirixiuse a Vigo, despois de que ese porto sexa abandonado polas nosas tropas. De la Romana tomou posesión da cidade veciña de Baiona, un porto preto da desembocadura do Miño, situado entre Galicia e a fronteira portuguesa», indica o correspondente de The Times .

A noticia era falsa, pero xustifica que tamén os franceses chegasen a pensar que Vigo era clave na súa invasión e que quizais aquí lograsen capturar ao xeneral fuxitivo, xunto aos restos do exército de Galicia, integrado xa por uns 2.500 homes, penosamente equipados e armados.

De este xeito, claréxase a razón pola que os franceses tiveron tantas présa en chegar a Vigo. De feito, o xeneral Franceschi, en troques de mobilizarse con todo o seu exército, enviou unha avanzada de cabalería, que aparecerá no barrio do Areal o 31 de xaneiro, para pedir a rendición da praza.

Santiago y Gómez relata como o pobo vigués se alarmou ao descubrir as unidades francesas: «A vista do inimigo alporizou ao pobo, que se presentou ameazador en extremo, impedindo que se abrisen as portas da vila e pedindo a berros a defensa, intentando romper o fogo contra os escuadróns. A tal punto chegou a coraxe que espertaron nos vigueses as avanzadas francesas, que un dos veciños quixo aplicar a mecha a unha peza de artillería que estaba emprazada enriba da porta da Gamboa, disparando á cabalería que estaba formada fronte ao convento de monxas do Areal».

O gobernador Villavicencio comparece na Gamboa e logra acougar un pouco os ánimos, mentres os franceses esperan fóra da muralla. A instancias do alcalde Vázquez Varela, reúnense os veciños na praza situada fronte á Casa da Vila, hoxe da Constitución. Alí van tomar a decisión de renderse. Despois da revolta popular, tras a destitución dos antigos cargos, a realidade supera aos vigueses. Vigo está a piques de ser francesa.