Vigo agarda alarmada a invasión inminente

VIGO

18 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

As novas non poden ser peores. Se, a comezos de xaneiro, Vigo asiste á evacuación dos máis de tres mil soldados da División Craufurd, a mediados de mes chegan informacións dramáticas: O exército inglés comandado por Moore embarcou na Coruña de volta a Inglaterra e na batalla librada na chaira de Elviña ten morto o propio xeneral. Os galegos xa están solos ante os dous mellores exércitos de Napoleón, comandados polos mariscais Soult e Ney, que comezan a ocupación do país. Malia as entusiastas proclamas chamando á resistencia, os vigueses comezan a comprender que o desastre está a piques de chegar ás portas da vila.

A nova máis terrible, aquela que conmocionou á poboación e lle fixo ver que a ocupación da vila era inminente foi, en efecto, a batalla de Elviña, unha feroz refrega que serviu só para demorar aos franceses mentres se evacuaba aos ingleses. Se, ante un exército regular, Soult e Ney eran capaces dun esmagamento así, qué lles esperaba aos paisanos galegos?

Moore chegara a Coruña o 11 de xaneiro. Tres días despois, logrou embarcar a 3.000 enfermos nos primeiros barcos de transporte que chegaban desde Vigo. Pero o atraso dos buques obrígalle a facerse forte na praza herculina, mentres Soult toma posicións na bisbarra, disposto ao ataque final. Das tropas inglesas iniciais, hai que descontar aos 3.500 homes que tiñan sido evacuados en Vigo. Ademais, durante o penoso traxecto cara a Galicia, perdera a case cinco mil, unha cifra que fala da extrema dureza da marcha cara ao Noroeste. Así que só lle quedaban uns 14.000 efectivos para enfrontarse aos franceses, máis numerosos e mellor equipados.

Moore, herido

A batalla desencadeouse o 16 de xaneiro, en Elviña, nos arredores da Coruña. Mentres os buques da Royal Navy embarcaban ao groso do seu exército, Moore dirixiu ás súas tropas de elite, principalmente os Highlanders e os Riflemen, e logrou conter aos franceses, non sen un alto custo en baixas. O fogo de cobertura dos barcos ingleses axudou na refrega, que se saldou con 900 baixas británicas e case 2.000 galas. O propio xeneral escocés foi ferido por un proxectil de canón durante a batalla e morreu pouco despois na cidade, aínda que coa satisfacción de ver como salvara ao exército inglés da destrucción total. Pouco máis dun século despois, en Dunkerke, os británicos vivirán unha evacuación parecida das súas tropas, nesta ocasión ante as forzas alemanas de Adolf Hitler.

Cando o mariscal Soult atopou o corpo de Moore tras a evacuación inglesa, deulle un enterro con honras militares. A tumba do xeneral pode verse hoxe no parque coruñés de San Carlos. Moore pasou a entrar na lenda militar inglesa, como unha figura heroica, ao tempo que controvertida. Whigs e tories remataron por converter a súa aventura peninsular en motivo para terribles debates no Parlamento inglés, que tempo despois farían caer ao goberno. Pero, mentres Londres forxaba unha lenda, o nome de Moore quedaba para sempre unido a Galicia. El foi quen, na súa fuxida de regreso a casa, trouxo ao Noroeste aos mellores exércitos de Napoleón. A guerra, que Vigo temía desde había meses, estaba xa ás súas mesmas portas.

Tras a súa victoria na Coruña, non se apresuraron os franceses. Tomaron dúas semanas para ocupar todas as cidades galegas, facéndoo sempre por rendición, en moitos casos tras a fuxida das autoridades, sobre todo as relixiosas. Desde o 16 de xaneiro, en que se libra a batalla na Coruña, ata o 3 de febreiro, en que cae Tui, os exércitos galos van ocupando as diferentes prazas e chamando á poboación a xurar fidelidade ao rei José.

As tropas francesas toman Galicia despregándose como unhas tenaces, co exército do Mariscal Soult entrando polo Norte, desde A Coruña, e o do Mariscal Ney penetrando polas provincias de Mondoñedo e Ourense, en persecución das unidades españolas comandadas polo Marqués de la Romana, que foxe sen descanso, como foi habitual nos últimos meses, ata o punto de que os galegos chegan a bautizalo como o «Marqués das Corredoiras», pola súa afección a escapar polos camiños sen presentar nunca batalla nin defender poboación ningunha.

Lugo é a primeira cidade en caer, como consecuencia da retirada do exército inglés o día 9 de xaneiro, camiño da Coruña. Posteriormente, entrégase Betanzos, seguindo a ruta natural de Soult en persecución de Sir John Moore.

A terceira cidade ocupada será Santiago, aínda antes que A Coruña, pois capitula ao día seguinte da batalla de Elviña. Os composteláns, que se mostraban moi levantiscos nas semanas previas á chegada dos franceses, de contado comprenderon que oporse a Soult era pouco menos que un suicidio. Das arengas e ardentes discursos que se escoitaban desde a Universidade ás rúas, pasouse a un interese común por renderse. O 13 de xaneiro, a municipalidade compostelá toma o seguinte acordo: «Como segundo voz pública está próximo o exército francés, noméese unha deputación que salga a recibir ao xeneral e maniféstelle que este pobo quere recibirlle en paz».

O arcebispo lisca

Mentres tanto, o arcebispo decide poñer terra e mar por medio. Como ocorrerá durante toda a guerra, a xerarquía eclesiástica foxe, mentres curas, abades ou priores, a Igrexa baixa, ponse á fronte da sublevación e, en moitos casos, convértense en auténticos guerrilleiros.

A Coruña caerá dous días despois, o 19 de xaneiro, cando capitula o xeneral Alcedo, gobernador da praza. Os notables da cidade xuran o 22 de xaneiro fidelidade e submisión a José I. ?Soult envía logo a Ferrol á división Mermet, que se atopa coa primeira escaramuza dos paisanos, que entreteñen aos galos en Miño, disparándolles cun canón de a catro.

Para entón, no Sur, o mariscal Ney prosegue a súa marcha triunfal e, tamén, desapiadada. Os excesos deste alto oficial serán apuntados en posteriores entregas, pero abonda con notar que, en moitos pobos galegos, en especial nas provincias de Ourense e Pontevedra, aínda nos nosos días é común poñer aos cans o nome de «Ney». Poucos saben que este apelativo, que cren común, é unha «homenaxe» ao criminal Duque de Elchingen. As tropas de Ney entran en Mondoñedo e, posteriormente, en Ourense, o 20 de xaneiro. O bispo Quevedo abandona a cidade das Burgas, fuxindo rumbo a Portugal.

Soult envía emisarios o 21 de xaneiro a Pontevedra e, o día 26, o xeneral Franceschi entra con 5.000 homes na urbe do Lérez.

Mentres as tenaces se pechan sobre Galicia, Vigo espera alarmada a invasión inminente.

?