Está a rematar o ano, e o exército de John Moore segue en terra de ninguén, vagando por Castela, sen atreverse a presentarlle batalla ao mariscal Soult, que se conforma con pequenas expedicións de castigo sobre a retagarda británica, mentres espera unha decisión do Emperador, que leva dúas semanas en Madrid, consolidando no trono ao seu irmán Xosé e, por qué non dicilo, presumindo da súa case total vitoria en España. Os paisanos mal armados que botaron a Murat, ese exército de filibusteiros, foron derrotados só con que Napoleón se puxese á fronte das tropas. Chegar dos Pirineos a Madrid non lle levara nin tres semanas. ¿Onde están os terribles vaqueiros de Bailén? ¿Onde os valentes cidadáns do 2 de maio? Orgulloso, pasea polo Palacio Real: o país é de novo parte do seu Imperio.
Queda, é certo, algunha resistencia illada. Coma a de Cádiz, protexida pola armada británica. E, sobre todo, ese molesto xeneral inglés, John Moore, que leva meses paseando por Castela, arriba e abaixo, a facer nada. Así que, canso de paz, na mañá do 19 de novembro de 1809, Napoleón pensa que, unha vez máis, deberá facer as cousas persoalmente. Ese día chama ao mariscal Ney, que o acompaña en Madrid, e ordénalle preparar o seu exército. Marchan: van esmagar a eses ingleses e botalos ao mar.
O mesmo 19 de decembro, Napoleón, á fronte de máis de dez mil homes, sae de Madrid rumbo a Galicia. O día 21, hai hoxe 200 anos, cruza a neve de Guadarrama, precedido pola nova da súa expedición, que prende como un regueiro de pólvora desatando o terror a centos de leguas.
Moore atópase despregado nunha ampla zona entre Valladolid, Rueda e Tordesillas. Cando os espías chegan coa nova, o xeneral escocés comprende que a súa aventura peninsular rematou. En condicións terribles, nun inverno durísimo, emprende a retirada cara a Galicia, nunha decisión controvertida, que provocaría graves debates en Inglaterra entre whigs e tories .
O repregamento de Moore convértese nunha carnicería. O mariscal Soult, que viña cun exército de 16.000 homes tras os británicos, vai esmagando a retagarda. Os enfermos, as mulleres, os nenos, todos os que quedan atrás son masacrados. Despois, as unidades máis pesadas, boa parte da artillería, as tropas menos rápidas, van sendo eliminados polas avanzadas de húsares e voltigeurs .
Uns e outros, franceses e ingleses, poñen rumbo a Galicia a marchas forzadas, ás veces só cunhas horas de vantaxe. Napoleón apura o paso á fronte do exército de Ney, mentres Soult vai diante, en contacto permanente coa retagarda británica.
Varios militares ingleses deixaron memorias escritas sobre esta marcha infernal. É o caso do capitán Alexander Gordon, do Decimoquinto de Húsares, que conta o que lle pasou a un compañeiro que se demorou: «Levaron a un pobre diaño ao lume do oficial por un garda que vira algo, e pensou que se trataba dun porco bravo preto da estrada. Resultou ser un dos que quedaron atrás. Collérono os franceses e foi sometido á espada. Cubriuse a cabeza coa camisa para que o aire frío non entrase nas súas feridas, e cando a quitou, foi o espectáculo máis horrendo que endexamais vira. Era imposible distinguir nada. A carne das súas fazulas e beizos colgáballe; cortáronlle o nariz en dous e creo que tamén lle cortaron as orellas. Ademais das feridas da cabeza, recibira moitas en todo o corpo e resultaba sorprendente que puidese escapar, atopándose tan feble pola perda de sangue».
Outro inglés, o Rifleman Harris, do 95 de Rifles, a quen nas próximas semanas veremos en Vigo, narra outra anécdota da retirada, aínda máis penosa polo feito de que era costume no exército inglés que as mulleres dos militares viaxasen con eles nas campañas. En Cacabelos, na fronteira galega, Harris describe esta escena: «Unha das mulleres, estando embarazada, cara á tarde, separouse da multitude e deitouse na neve, preto da estrada. O seu marido quedou con ela e oín un par de comentarios de que atoparan o seu último lugar de descanso. De feito, o inimigo non estaba moi lonxe naquel momento, anoitecía, e non semellaba que tivesen moitas posibilidades de sobrevivir. Quedar atrás equivalía a morrer e logo nos esquecemos deles».
As estampas recordan a Goya e aos gravados dos Desastres da guerra . Certo que os franceses trouxeron as ideas da Ilustracións, dos dereitos humanos e dunha certa democracia, agora convertida en ditadura imperial... Pero o que chega neste momento é unha máquina de guerra descomunal, disposta a arrasalo todo.
Cara ao Nadal de 1808, os vigueses comezan a saber o que se aveciña. As novas falan de que Napoleón en persoa vén cara a Galicia, e así é. Pero o corso retirarase o 31 de decembro, tras pasar a noite en Astorga, obrigado a regresar a París para retomar o control en Austria e por un suposto complot que Talleyrand está a preparar contra el.
Aínda sen o Emperador, as tropas francesas que chegan son impresionantes, con dous exércitos ao mando dos xenerais Soult e Ney, con máis de 25.000 homes, que van acosando aos ingleses. Só o feito de que Napoleón marchara á fronte dos seus exércitos animou de tal xeito aos dous mariscais que esmagar a Moore e, de paso, someter a Galicia se converteu nunha cuestión de honra. Empregáronse a ela con todas as súas forzas.
O 1 de xaneiro de 1809 comeza a entrar en Galicia a vangarda do exército de Moore, que chega totalmente esnaquizado pola falta de víveres, as marchas forzadas, o acoso francés e o inverno implacable. O paso do Cebadón e as montañas dos Ancares foron unha auténtica tortura. As baixas multiplícanse e a magnitude do desastre alcanza cotas épicas.
Os espías traen a Vigo novas desta formidable catástrofe. A tensión na cidade, condenada a ser esmagada, é enorme. Pero todo pode empeorar. E así será cando, nos próximos días, apareza na ría un mar de velas brancas: é a escuadra de ducias de barcos de alto bordo que veñen evacuar aos británicos de John Moore, quen, polo que se comenta, ten ordes de dirixirse á vila olívica. 16.000 ingleses e máis de 25.000 franceses avanzan sobre Vigo cando está cerca o Nadal de 1808.