El banco musical de la Diputación acumula ya seis mil unidades

A. Castroverde

VIGO

13 may 2008 . Actualizado a las 11:48 h.

A idea de xerar un arquivo sonoro en Pontevedra naceu no 2003, aínda que foi no 2004 cando realmente colle forza. Asociado ao Arquivo da Deputación hai agora un banco da memoria musical que suma 6.000 unidades rexistradas nos máis diversos soportes. Catro mil deles están catalogados nunha base de datos que se atopa a disposición dos cidadáns. Trátase de seis mil gravacións recuperadas en Galicia de todos os tempos e en todos os soportes.

Nos anos 2005 e 2006 iniciouse unha recollida documental moi abondosa coa colaboración experta do músico e docente musical Óscar Ibáñez. Na súa meirande parte este banco da memoria sonora inclúe música editada, aínda que tamén se anda a buscar material menos coñecido e discos de tipo promocional a traveso dos coleccionistas e anticuarios. A forma maioritaria de ingreso prodúcese por adquisición aínda que algúns dos documentos máis relevantes se obtiveron por doazón.

Así, contou con doazóns moi importantes de soportes históricos, entre elas, as gravacións sonoras de Víctor Cervera Mercadillo. O barítono pontevedrés foi un dos cantantes na primeira gravación sonora galega en 1904 do coro Aires da Terra de Perfecto Feijoo. Unhas gravacións que tiña gardadas a familia Mercadillo, que corresponden aos anos 40 e feitas na radio, están agora no arquivo cos seus masters orixinais para a súa conservación.

Amais, colaboracións internacionais permitiron adquirir soportes de música galega de todas as épocas na Arxentina, Uruguai e Cuba. «Estamos traballando en que non se nos escape nada que estea nas nosas mans», manifestou onte Óscar Ibáñez.

Os fondos actuais céntranse fundamentalmente na música tradicional e popular, aínda que se tenta lograr a totalidade do editado en Galicia dende os seus comezos. A catalogación que se está a facer realízase peza a peza musical, individualizada e cun ficheiro en base de datos. Os responsables do arquivo aseguran que pode representar un grande avance para a investigación e coñecemento da nosa produción musical.

O seu propósito non e só reunir. Tamén pretenden catalogar, recompilar e difundir. O banco da memoria pode ser consultado por calquera cidadán que estea interesado. Fondos importantes atópanse tamén no Arquivo Sonoro de Galicia, dependente do Consello de Cultura Galega e no Arquivo e a Fonoteca da Universidade de Santiago.