«A poesía non se le ben, por eso non gusta»

La Voz

VIGO

O mes do libro organizado pola biblioteca de Moaña inaugurouse onte cun recital poético de Darío Xohán Cabana. O escritor subiu ao escenario do pouco acolledor salón de actos do centro cultural de Quintela cunha coidada selección de poemas de Rosalía de Castro, Pondal e Curros Enríquez. «Foron tres xenios poéticos concentrados nun tempo moi pequeño e son, especialmente Rosalía e Pondal, dos mellores poetas da Europa do seu tempo». Antes de lanzar esta afirmación, o autor dirixiuse aos aproximadamente 150 escolares de doce anos dos colexios de Reibón, Seara, Quintela e Abelendo para dicirlles como hai que ler un poema.

«A poesía é unha cousa a que normalmente lle temos medo, case tanto como ás matemáticas. O que pasa, realmente, é que a poesía non se le ben, e como non se le ben, non gusta. A poesía requiere lectura á modo, senón, non chegaremos a entrar no seu corazón».

Así aleccionados, os nenos dispuxéronse a ouvir o recital. Xohán Cabana empezou con Rosalía, con algúns dos poemas de Cantares Gallegos. Nalgún momento tivo que lle chamar a atención a algúns dos rapaces, más enfrascados nas súas cuitas que no recital. Tras Rosalía pasou a Pondal e rematou con Curros Enríquez.

O Mes do Libro incluirá o próximo día 2 de abril un recital de Yolanda Castaño e Antía Otero, dirixido tamén aos escolares. Será na biblioteca ás 11.30