«'Ajora' xa non teño quen me coma a 'cabesa' e os cartos»

VIGO

O ex compoñente de Heredeiros da Crus presenta hoxe en La Casa de Arriba o seu novo proxecto Rasa Loba

23 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Tonhito de Poi vai ser o primeiro músico do programa de actuacións que La Casa de Arriba preparou para celebrar o seu noveno aniversario. Esta noite, a partir das dez, o ex compoñente de Heredeiros da Crus fará un semiacústico no que presentará algúns dos novos temas que ten feito co seu novo proxecto, Rasa Loba. Os novos temas xa se poden escoitar na web myspace.com/rasaloba.

-¿Que é Rasa Loba?

-Os rasa loba son eses cans que acaban sobrevivindo no monte, non son coma os cans de palleiro que se someten á mendicidade. Despois da mala experiencia da Banda de Poi, onde fun timado, ridiculizado e estafado polo produtor, decidín volver ás raíces do rock, dándolo nos concertos, e sobrevivindo tocando por aí.

-¿Qué pasou coa Banda de Poi?

-Pois que o produtor era unha persoa que se aproveita da ilusión da xente, e está nun sitio complicado porque está no mundo da música, e aí entrégalo todo.

-¿E como acabou co resto da banda?

-A banda seguiu algún tempo pero este home mandaba comunicados aos sitios onde nos contrataban ameazando con denuncialos, pero non ten nada que facer porque eu teño o nome rexistrado, pero eu gripei e decidín facer borrón e conta nova. Compuxen novos temas porque non quería saber nada deste personaxe, e tira millas. Dous membros da banda entraron en Rasa Loba e está saíndo todo moi espontáneo.

-O sexa que é como retroceder quince anos.

-Si, saltando polo escenario, con alegría, ¡esto é outra historia! Recórdame ao rock and roll de verdade, sen un produtor que te coma a cabesa nen os cartos.

-Entón a «Sachadora» (a súa guitarra), ten que estar que non para de delicia.

-Ata lle saíron uns cornos preciosos para atacar; a quen me queira estafar crávallos na alma. Está máis fina que nunca.

-¿E ides gravar?

-Temos un directo gravado na Radio Galega que é o que estamos movendo, de todos os xeitos, como vainos ben en directo non temos pensado meternos nun estudio. En todo caso, se gravásemos sería en directo, aínda que sen grandes planes porque agora imos ao día.

-¿Como vai ser o concerto na Casa de Arriba?

-Faremos un concerto especial, sen a banda ao completo, cos temas novos, e despois sesión karaoke, con clásicos de Heredeiros, e perversións, que non versións, de Janette, Perales, etc. A banda ímola levar o 5 de febreiro ao Ensanche.

-¿É difícil separar a parte teatral da musical?

-Non son capaz de disociar, todo está dentro do show. Cada vez que collo unha guitarra para min xa é todo, é saltar, é espectáculo, aínda que a música é o solar.

-¿Quen non lle deben querer ben son as compañías de discos?

-Pero é que aí se pasan tres portos, ¿cres que a xente que lles gusta a música quere ter un disco ridículo escrito a bolígrafo? Non son conscientes, puxeron a música coma un artigo de luxo e non é iso, é unha necesidade. Encántame coleccionar discos, ter o meu armario cheo de discos, pero non podo dispoñer de 30 euros por disco. Se fora unha cousa razoable, entón si. O importante é que a xente escoite música.