A Deputación celebrará en Baiona o foro de turismo Rías Baixas para fixar as liñas estratéxicas ata o 2011

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

08 ene 2008 . Actualizado a las 12:57 h.

A Deputación de Pontevedra organiza o vindeiro luns, 14 de xaneiro, o quinto Foro de Turismo Rías Baixas no Parador de Baiona co obxectivo de efectuar un balance do Plan Director 2004-2007 e establecer as liñas estratéxicas do sector para os vindeiros catro anos. No Foro participarán responsables das Cámaras de Comercio e Industria da provincia, centros de formación e asociacións de empresarios de hostelería, directivos de hoteis, paradores e restaurantes, e distintas personalidades do mundo da empresa e da comunicación, relacionadas co turismo.

A xuntanza servirá para facer balance de execución do antedito Plan Director 2004-2007, saido do primeiro Foro de Turismo celebrado en Soutomaior en novembro de 2003, e para establecer as liñas futuras de actuación do organismo Turismo Rías Baixas e do propio sector provincial. Cada representante dos sectores e dos axentes turísticos da provincia realizará unha exposición da súa visión dos problemas, necesidades e expectativas do turismo en Pontevedra e, con todas elas, elaboraránse unhas conclusións finais que se incorporarán ó Plan Director dos vindeiros anos.

O sector turístico é unha das grandes fontes de recursos económicas da provincia de Pontevedra, e que pretende avanzar na desestacionalidade e non só conquerir clientela para os meses de verán, onde, realmente, prodúcese a auténtica avalancha de visitantes de todo o ano. De fecito, logo da cidade de Santiago de Compostela, as vilas e cidades a provincia de Pontevedra son as máis visitadas de Galicia. Só a cidade de Vigo é o destinol de preto de un millón de persoas cada ano.

Novos paquetes

O incremento e potenciación da calidade turística, a mellora cualitativa das prazas actualmente existentes e un redimensionamento da comercialización dos productos e da oferta turística de Pontevedra, así como a apertura de novos mercados, figuran entre os obxectivos establecidos para os próximos catro anos do sector. Temas como o termalismo, a gastronomía, a potenciación do aeroporto provincial de Peinador e a creación de novos paquetes turísticos terán un protagonismo especial neste V Foro de Turismo de Pontevedra que se celebrará a partir do vindeiro luns en Baiona.

Igrexa do Cristo da Victoria

Por outra banda, a Deputación Provincial de Pontevedra ven de conceder tamén unha importante axuda económica de 15.000 euros á igrexa do Santísimo Cristo da Victoria de Vigo, para posibilitar a acometida de diversas obras de mellora de accesibilidade do recinto e de protección do mesmo contra incendios. O citado templo está situado no barrio de Coia.