A Concellería de Tráfico e a de Comercio do Concello de Tui comezou a semana pasada o pintado e sinalizado da zona azul, que en breve entrará en funcionamento nas rúas Foxo, Rosa Bahamonde, Travesía de Rosa Bahamonde, e Paseo de Calvo Sotelo.
O aparcamento na zona azul estará regulado de 9 a 13h e de 16 a 20h non podendo exceder os vehículos estacionados o máximo de 1.30 horas. Cada condutor á hora de aparcar deberá colocar en lugar visible un disco de estacionamento coa hora de chegada.
Estes dispositivos poderán recollerse e xeito gratuíto nas oficinas da Policía Local de Tui na Praza da Inmaculada, e os propios axentes da policía local serán o responsables de controlar que os vehículos non exceden o tempo máximo permitido.
Coa implantación da zona azul nestas rúas céntricas búscase dar unha maior mobilidade ao aparcamento e así facilitar que os que veñen a Tui a realizar xestións ou compras teñan máis doado atopar estacionamento. Con esta actuación tentase solucionar parte do problema de aparcamento que na actualidade padece o centro urbano.
A polémica pola falta de zonas de estacionamento no centro da cidade fronteririza protagonizou numerosos debates plenarios e mesmo algunhas iniciativas cidadáns. O goberno local confía en que esta medida poida aliviar a situación a espera de contar cunha zona ampla que soluciones definitivamente a problemática. A cidade concentra amáis a maioría dos servizos públicos comarcais, polo que o tránsito se incrementa durante as mañás, en horario punta.