A Casa das Artes inaugura unha exposición que recolle a historia do teatro galego iniciada en 1882
VIGO
, unha peza de teatro de Francisco de la Iglesia, representouse no Liceo Brigantino de A Coruña o 13 de agosto de 1882. Nos documentos da época figura como a primeira representación teatral en galego. Para festexar os 125 anos transcorridos dende entón, a Consellería de Cultura e o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais uníronse para programar unha serie de actividades que van dende a posta en escena de 125 obras en corenta localidades de Galicia ata a exposición Un país desde as táboas , que onte chegou a Vigo tras pasar por varias cidades. A mostra inaugurada na Casa das Artes ten por obxectivo mostrar a vida do teatro galego dende aquela primeira representación.
A través de paneis e material audiovisual presenta seis microespazos que resumen os grandes períodos da escena galega: o teatro popular, o nacemento da dramaturxia galega, as tentativas modernizadoras na procura dun teatro para todos, o esmorecemento da actividade teatral coa ditadura, a refundación nos anos 60 e 70 e, por último, a consolidación do sistema teatral vivida nas últimas décadas. Un país desde as táboas. 125 anos de teatro galego permanecerá en Vigo ata o 30 de setembro, de luns a venres de 18 a 21.30; sábados 11 a 14 e 18 a 21.30 e domingos 11 a 14 horas.