Dygra pon en marcha a nova animación «O soño dunha noite de San Xoán»

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

A película estrearase o 24 de xuño de 2005 en España e outros sete países A productora galega levou con éxito a película ós certames de Cannes e Berlín deste ano

19 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A noite de San Xoán é unha data máxica de meigas. Así o entenden os membros da productora galega Dygra Films, que o vindeiro luns 23 de xuño presentarán o seu novo proxecto de animación, O soño dunha noite de San Xoán, no Centro Galego de Artes da Imaxe de A Coruña. Este traballo, a primeira longametraxe da productora despois da exitosa El bosque animado, está inspirado na obra de Shakespeare, Sueño de una noche de verano. Xunto a Dygra, na producción participa a compañía portuguesa Appia Filmes. A cinta conta cun presuposto de sete millóns e medio de euros, unha cantidade que responde ó novo reto que afrontan en Dygra, tanto a nivel tecnolóxico como artístico. Unha estrea europea Outro dos retos é o referente á estrea da película. Os traballos de animación precisan dun laborioso e longo proceso de creación. O soño de Dygra é facer a estrea na máxica data de San Xoán, o 24 de xuño do ano 2005. Unha estrea a nivel europeo, cunha proxección simultánea en, alomenos, sete países cos que xa pecharon acordos. Esta estrea de alto nivel é o resultado da exitosa presentación levada a cabo no prestixioso Cartoon Movie de Berlín do pasado mes de marzo. Neste evento, unha xuntanza onde se dan cita os productores europeos cos diferentes distribuidores e inversores, Dygra conseguiu que O soño dunha noite de San Xoán fose a sensación do momento. A película narra a historia de Elena, resolta e intelixente filla de Teseo, un gobernante idealista e soñador en exceso, obsesionado coa construcción de extranos edificios. Tras caer a última obra, Elena obriga ó seu pai a deixar os seus proxectos. Teseo fai caso á súa filla, pero cae enfermo. Sentíndose culpable, Elena tenta recuperar ó seu pai por tódolos medios, pero este somentes reacciona ante o retrato dunha fermosa dama de nome Titania. Decidida a tentalo todo para salvar non só ó seu pai, tamén ó universo dos soños, Elena agardará ó solsticio de verán, único día no que pode acceder ó mundo máxico. Pero terán que atopar a solución antes da fin do día ou quedarán atrapados para sempre no mundo dos soños. A continuación do éxito O soño dunha noite de San Xoán, ven precedida polo éxito que supuxo El bosque animado, longametraxe gañadora de máis de 20 premios e que xerou un negocio en España por valor de nove millóns de euros. Unha sorpresa animada que figura como a segunda película máis vendida en vídeo e DVD da historia do cine español.