A Fundación Carlos Casares terá por meta a promoción cultural de Galicia

TELEVISIÓN

ÓSCAR VÁZQUEZ

A familia do escritor e representantes de distintos sectores sociais conforman o padroado O Pazo Quiñones de Vigo acolleu onte o acto de constitución do novo ente adicado ó novelista

09 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Seis meses despois do pasamento de Carlos Casares, diferentes empresas e institucións galegas foron quen de chegar a un punto de encontro co fin de preservar a memoria e o legado do escritor ourensán. Onte, o Pazo Quiñones de León de Vigo serviu de marco á constitución da Fundación Carlos Casares, coa sinatura dos diferentes integrantes do seu padroado. Membros «A Fundación non pretende outra cousa que manter unha intensa labor de promoción cultural de Galicia, dentro e fóra do país». Deste xeito definiu Kristina Berg o sentido da fundación. A viúva de Carlos Casares presidirá a xunta directiva, que tamén contará con Xavier Casares Mouriño como vicepresidente, Damián Villalaín como secretario e Xosé María Fonseca como administrador. O órgano de goberno complétase coa presencia de Hakan Casares, Christian Casares, Mercedes Casares, o conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela, o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, o director xeral de CaixaGalicia, José Luis Méndez, o director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, o presidente de La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre, a presidenta da Fundación Penzol, Blanca Jiménez, o presidente do consello de administración da Editorial Galaxia, Xaime Isla Couto, e seis membros vitalicios, Manuel Rivas, Darío Villanueva, Manuel Rodríguez Álvarez, Xosé María Fonseca e Damián Villalaín. Tanto o conselleiro de Cultura como o alcalde de Vigo suliñaron o carácter de dialogo e tolerancia que terá a nova institución «como reflexo da actitude que presidiu tódolos aspectos da vida de Carlos Casares». Lois Pérez Castrillo ofreceu un local municipal para albergar a sede da Fundación, e anunciou a intención municipal de manter vivo o recordo do escritor dándolle o seu nome a unha praza de Vigo. O acto de constitución congregou a numerosos persoeiros da sociedade galega.