Unha anomalía xenética que supón un estigma para o varón

SOCIEDAD

10 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O8 % dos varóns (e só o 0,5 % das mulleres) que lemos esta noticia somos incapaces de percibir as cores como os demais, por un problema xenético. A información coa que somos construídos os seres humanos está almacenada nuns contedores chamados cromosomas, dos que temos 23 pares: 23 da nosa nai aparellados cos seus correspondentes 23 do noso pai. Isto quere dicir que cada cromosoma terá un compañeiro moi parecido. ¿Sempre? Non, e aquí está a clave do asunto... Nun deses pares radica a diferenza entre varón e femia, as mulleres son mulleres porque teñen un par formado por un cromosoma chamado X que vén da nai e outro X que vén do pai. Pero nos homes a cousa cambia, do seu pai non reciben outro X, senón un cromosoma chamado Y, que é unha especie de cromosoma X vido a menos.

Ao ser máis cativo, non almacena tanta información como o X, e aí está a fonte do problema para os homes: a información que define a capacidade do ollo para detectar o verde e o vermello está almacenada no cromosoma X. Se existe un defecto nesa información nun X, as mulleres teñen outro para corrixi-lo erro; pero nos homes non hai arreglo posible, como haxa un erro no único X que teñen, non hai quen o corrixa e esa persoa terá problemas coa visión do verde e o vermello.

Ese é o meu caso, pago co daltonismo o tributo desa inferioridade xenética da condición masculina (se fose muller non tería este problema) e vexo a vida con menos colorido que a maioría da poboación. Con todo, levámolo sen traumas.

A pregunta típica que nos fan é: «¿E ti, como ves o verde?». «¿Eu? Coma sempre». Nacemos así, non sabemos o que nos perdemos, porque non nos cabe na cabeza ver as cousas doutro xeito.

De feito, moitos daltónicos descoñecen a súa condición porque non altera a súa vida diaria. Por iso é tan boa a iniciativa do colexio de ópticos-optometristas, que na celebración do día mundial da súa especialidade nos convidan a todos a achegarnos ás ópticas a avalia-la nosa capacidade de percepción da cor. É algo automático: botarlle unha ollada a unhas laminiñas. Paga a pena coñecerse, anímense.