Nada

La Voz

SOCIEDAD

Os estampados de flores nunca pasan de moda. E con esa pel escura tan bonita que tes, séntanche moi ben -díxolle a dependenta.

Media hora máis tarde, Camélia V. P. atravesa Erbedelo cunha bolsa na man. No interior, perfectamente dobrado, o seu vestido novo, listo para a estrea. Hai días nos que lle resulta máis doado camiñar, coma se o seu corpo estivese inxectado por un estraño combustible. Moléstalle a luz cegadora do mediodía, así que leva os ollos agochados detrás duns enormes lentes de sol. A esas horas, o desfile caótico dos veciños do barrio, concentrados nos seus asuntos, ocupa unha beirarrúa demasiado estreita para acoller o paso de tanta xente. Camélia V. P. repara nuns operarios que recollen peixes mortos da Barbaña. A auga está cuberta por unha capa aceitosa que nalgúns recodos convértese nun manto de escuma.

Os primeiros metros da rúa Jesús Soria, unha das arterias máis antigas do barrio, enchéronse nos últimos anos de negocios destinados aos inmigrantes. A decrepitude das vellas tascas, co seu olor a fritanga tatuado nas paredes, e os edificios que nunca serán rehabilitados, mestúranse agora con comercios de alimentos exóticos, tendas de roupa estilo hip-hop, perruquerías para latinos ou restaurantes onde se poden comer preparados turcos. Camélia V. P. entra no Café Bela Vista, un local bastante amplo, decorado sen alardes, onde soa unha canción de éxito nas listas radiofónicas. Saúda á camareira cun «Bo día» sorrinte e diríxese directamente aos servizos. Tanta dilixencia impídelle comprobar o xesto apagado co que foi correspondida. Unha vez rematados os derradeiros acordes da canción, o bar inúndase dun inquedante silencio. Só hai un cliente na barra, concentrado na lectura do xornal e apurando o último grolo dunha cervexa. Ao pouco, a dependenta do locutorio próximo aparece pola porta. Trae os ollos avermellados. En canto se decata da súa presenza, a camareira faille un aceno indicándolle que Camélia V. P. acaba de entrar no servizo. Permanecen cinco minutos sen dicírense nada, xa a soas. O único cliente acaba de marchar tras golpear a barra cunha moeda de dous euros.

Camélia V. P. move os ombros arriba e abaixo.

-¿Que vos parece?

Sempre coinciden no veredito. Camélia V. P. transmite frescura e posúe unha figura espléndida. Mercou un vestido de cebra verde, con tiras axustables. Deixa unha suxerente abertura no peito.

As dúas mulleres sorrín con tristura.

-Merqueino agora mesmo- explica.

Camélia V. P. imita os movementos dunha top model. Ombros cara atrás, pelvis lixeiramente inclinada cara adiante. Empeza a camiñar colocando un pé diante do outro, coma se estivese mantendo o equilibrio sobre unha corda frouxa. Son pasos longos, altivos, semellantes á marcha elegante dun cabalo. Ao pouco detense, coas mans sobre os cadrís, e deixando a ollada fixa nalgún lugar indefinido.

-¿Non vos gusta?

As dúas mulleres seguen sen dicir nada. O sorriso de Camélia V. P., ata daquela unha media circunferencia perfecta, vaise transformando pouco a pouco nun aceno de preocupación. Finalmente, abandona aqueles movementos tan teatrais e achégase ás dúas mulleres. Aínda non entende tanta seriedade.

-¿Ocorre algo?

-Xa non se pode facer nada, Camélia.

A voz da camareira soa débil e tremente. Acaba de entrar un rapaz de pelo longo, non máis de vinte anos, cunha camiseta negra dos Blind Guardian. Achégase á máquina de tabaco e avisa á camareira para que active o mando. A dependenta colle a man de Camélia V. P. e as dúas sentan nunha mesa.

-Estamos todas destrozadas- confésalle.

Mateo G. L. informa a Carlos A. N. de que a Garda Civil detivo a un incendiario con problemas psiquiátricos. Gumersindo E. V. plantoulle lume ao monte, pero un desequilibrado autoinculpouse do suceso. O cuñado de Carlos A. N. segue sen dar sinais de vida e Mateo G. L. intúe que algo non saíu ben. Esa mesma noite reuniranse con Gumersindo E. V. para clarificar a situación e solucionar o problema económico.

RESUMO

CAPÍTULO 21