A noite escura e a treboada preto, xa non sabía que facer, pois naquel souto tódalas formas parecían querer collerme para levarme ao outro mundo. Comezaba a notar como se me ían as forzas, a cabeza estaba lenta, custábame cavilar, tan só quería deitarme no chan coas costas apoiadas en calquera daquelas árbores e pechar os ollos un intre.
Un lóstrego cegador e o forte trono que lle seguiu deixoume moi claro que non me atopaba no lugar seguro, mais ¿cara onde ir cando estás perdido? Ao lonxe unha pequena luz verdosa que saía entre as sombras tirou de min coma un pequeno faro saltarín ao cal seguín presa da curiosidade e, coas últimas forzas que me quedaban, fun na procura desa luceciña esquiva que subía e baixaba coma un vagalume asustado.
Por fin ao cabo dun tempo din saído daquela prisión forestal na que me atopaba preso, mais agora tiña por diante un pequeno monte que a min pareceume A Curota. As pernas pesaban coma se fosen de ferro, non daba alentado e nin chegara á metade da costa que me separaba da luceciña, cando todo o meu corpo se puxo dacordo para deitarse naquel lugar antes de dar un só paso máis en procura da lonxana e verdosa curiosidade.
De súpeto, cando estaba a piques de renderme aos desexos, asaltoume un apetitoso arrecendo; touciño, grelos, patacas... Arrecendía coma ao cocido dos domingos que miña nai facía cando era novo e que tantas veces rexeitei. Mais agora, moi famento e moi canso, a idea de paparme un bo prato dábame, sen saber ben como, as forzas precisas para achegarme a carón da fiestra da cociña da que saía ese sanador arrecendo. Erguín a cachola e puiden ollar unha casa alta, recta, de grandes pedras mouras do longo do meu brazo, coas fiestras e as portas desvencelladas, co teito a piques de virse abaixo e baleira.
A casa non me daba confianza algunha, arrepiábame, mais, cando empezaron a caer as frías pingas, todo o meu ser púxose dacordo para refuxiarse nela. Espertei atado a unha angarella e logrei oír una voz feminina que comentaba: Tivo moita sorte de atopar a casa e refuxiarse, con esta treboada de seguro que non o daríamos atopado esta noite. O que me gustaría saber e ¿como foi quen de facerlle sinais ao helicóptero? Pedro, o piloto, tan só dixo: «Un pequeno vagalume amosoume o lugar exacto».