Trataba de esquecelo todo. Levaba días así. Perdida, incapaz de tomar unha decisión que asemellaba moi sinxela: deixalo ir. Viñan á súa cabeza as lembranzas de días azuis en canto chegaban estas datas. O verán é sempre unha fonte inesgotable de novos recordos. Fora entón cando se coñeceran: un verán tres anos atrás.
Ela nunca ía a esa biblioteca, pero estaba desesperada por atopar un libro para a súa tese, ese libro que sempre estaba collido e tiña un mínimo de tres reservas. Por iso decidira ir ata alí, ata aquela biblioteca afastada de calquera alma humana e que todo o mundo coñecía como a «Siberia» das bibliotecas. «Querían branquea-los cartos», ou «Fixérona por darlle traballo ós amigos» era o que dicía a xente cando falaban dela. Se fora así, nunca se sabería.
Era un día de verán de manual: ceos azuis, unha calor intensa que non chegaba a abafar? Cando ela abriu a porta da biblioteca, pensou que debía estar pechada: non se vía xente por ningures, nin sequera persoal de limpeza, o chan asemellaba levar semanas sen ver unha vasoira e notábase un forte olor a pechado. Pero entón, apareceu a bibliotecaria, co seu sorriso de perlas e as súas doces verbas. E non puido evitar namorarse dela. Foi algo automático. Se ese querubín alado e armado cun arco e frechas existía, dende logo este fora un dos seus traballos.
Dende entón, todo foran días así, días azuis, nos que o día se iluminaba co seu sorriso e as súas doces verbas. Foran felices, diso non había dúbida. Pero, agora, todo rematara. «Que pasara?», preguntaban todos sorprendidos ó coñece-la nova. «O que pasa sempre: a vida», contestaba ela intentando que ninguén quixera saber máis. O día a día, as pelexas, a rutina. Fora iso. Fora iso e máis. Pero agora era inútil darlle voltas: todo rematara, e o máis duro eran as cousas máis pequenas, esas que conforman a verdadeira vida e que son as máis difíciles de esquecer, porque aparecen por sorpresa cando tomas un café ou ve-lo seu sitio no sofá.