Fáltanme as corredoiras de sempre. E as rilleiras dos camiños. E os queixumes daqueles carros da miña infancia. Sóbrame asfalto. Moito, moito asfalto. E progreso. E coches sempre con présa. Como lóstregos doentes por chegar a ningures. Non vexo os carros cargados co froito rumbo á eira. Froito da terra, do traballo, da suor?
Os homes facían vasoiras de xestas para varrer o chan antes de poñer o trigo, centeo, aveas... ao sol.
O sol axuda como o que máis a sacar o gran das espigas. Cando máis quenta é cando hai que bater os mollos contra pedras inclinadas como se foran lavadoiros. Os nenos eramos os encargados de poñer os feixes ao lado dos malladores.
Os golpes contra a cantería fan saltar os grans.
Logo hai que repasalos cun fungueiro dando nas espigas que estaban polo medio e as do berencello.
Logo de mallados tirábanos para atrás e os rapaces eramos os encargados de levalos para a palleira.
Ao abater os mollos contra as pedras, algunhas espigas rompían sen soltar os grans. Estas mallábanse ao final co mallo. Para manexar os mallos, como todo na vida, ademais de forza hai que ter maña.
A malla era un traballo dos máis duros dos labregos e facíase cando máis quentaba.
Cando remataba, daba gusto sentarse ao fresco e parolar coa xente do rueiro mentres os morcegos anunciaban a chegada da noite.
Galicia está perdendo o mellor que ten: a súa identidade.
Teño saudade daqueles tempos.
Daquela aldea onde fun nena e moza.
E boto de menos as corredoiras de sempre, e as rilleiras, e a papá amarrando unha presa de xestas, e os berros dos eixos, e os morcegos facendo oitos imposibles sobre as nosas cabezas?