O carballo das medoñas

Soledad Gondar

SOCIEDAD

Xoaniña tiña un bico, gardado no seu maxín.

Rañaba na sombra dos soños, coa esperanza de redescubrir ese gran carballo de agarimosas pólas cheas de sabedoría que a súa avoa lle adoitaba contar ao carón da lareira, na súa vella casa de pedra, cunha folla verde no colo que arrecendía e abondaba con sorrir.

Medraba sen medos, enchida de ledicia e mergullada neses ollos verdes como o resío da mañá, arrodeada de sabias verbas, doces sentimentos: aromas de ensinanzas nobres.

Ficaba queda escoitando a escuras esa luz que reflectían as faíscas da morriña, de quen quere regresar ás olladas dos antergos, para ulir de novo o realmente verdadeiro, sosegadamente, paseniñamente, o zoar dese vento preguiceiro arroupado de vagar, eses espertares enxebres que Xoaniña non volveu sentir.

Buliu presa do futuro, sen percatarse do fugaz do pasado, e agora ten que reconstruír o seu soño, para atopar o camiño de regreso ao seu fogar; sen casa de pedra, sen carballo das medoñas...

Pero cunha fiestra que dá ao solpor, uns pequenos ollos que fican mirándoa con bicos nos beizos. E no colo da Xoaniña, unha folla murcha que lle di: «Mágoa do teu sentir, sorrí».