«Que a Seguridade Social non dea a opción de parir na casa é un atraso, e estamos como na prehistoria»
SOCIEDAD
Elixiu o parto na casa porque pareceulle a opción «máis respectuosa coa muller», e no seu domicilio veu ao mundo a súa filla Amara despois «dunha experiencia marabillosa». Cristina López Vidal (A Coruña, 34 anos) é licenciada en Educación Física e profesora na Universidade de Vigo. Agora, despois de dar a luz, considera «un atraso» que en España a sanidade pública non dea as nais a opción de parir na casa. E engade que no país se está «na prehistoria no parto».
-¿Por que se decidiu por esta modalidade?
-Paréceme a opción máis respectuosa coa muller. Outra que me gustaba era a das casas do parto, pero en Galicia non existen, aínda que hainas en Cataluña ou Valencia. -¿En qué sentido a máis respectuosa? -Non hai presas, ninguén te apura, elixes a posición que prefires, luces tenues, estás soa coa túa parella e a matrona, pero ela é moi discreta e todo é tranquilidade. No hospital nin me explicaron o que fan. -¿En que sentido? -Antes de dar a luz escribín unha carta a atención ao paciente do Hospital Universitario da Coruña para coñecer o protocolo do parto, e nin me responderon. Outra opción era ir ao do Salnés, pero queda lonxe e descarteino por iso.
-¿E que tal foi a experiencia na casa?
-Fantástica. Espero ter máis fillos e que todo sexa outra vez deste xeito. -¿Por que ten tan mala fama o parto na casa? -En xeral hai unha actitude negativa cara ao parto, cando é algo totalmente natural. Pero é que a miña sogra, hai 40 anos, xa dilatara nunha bañeira. Agora faise isto en Cee e O Salnés. Tamén en Inglaterra as matronas critican ás mulleres que chegan sen plan de parto, e aquí, aínda que agora xa se vai superando, hai temor a que sente mal aos profesionais no paritorio decidir a postura desexada ou dicir que non se queren enemas ou rasurado. Que a Seguridade Social nin sequera dea a opción de parir en casa é un atraso, pero é que en España estamos como na prehistoria no parto. -¿Por que lle parece tan importante a elección da postura? -Porque coma licenciada en Educación Física teño moi claro que o parto en horizontal va contra toda a lóxica da expulsión, non cabe na cabeza de ninguén e é case unha tortura. E insisto, o que temos que reclamar é que se respecte á muller, porque xa di a OMS que España ten partos altamente instrumentalizados e que se está a abusar das cesáreas. -¿Tivo moita presión social pola súa decisión? -Do entorno familiar, ningunha, pero si que escoitamos cousas dalgún coñecido, como que eramos uns imprudentes. Hai moito atraso con isto, moito descoñecemento, e a xente pensa que é parir enriba dunhas pallas ou algo así, cando é pórse nas mans dunha profesional boísima. -Un servizo polo que asume ademais un custo. -Si, tocoume aforrar. O diñeiro non debería ser unha traba para as mulleres, habería que mirar para Inglaterra ou Alemaña, onde hai cobertura social. Pero non pagas só o parto, porque inclúe as visitas previas e a asesoría da lactación posterior. Unha marabilla, e por certo, outro servizo que existe no estranxeiro dende hai 40 anos. A matrona vaiche dar recomendacións á casa. No ambulatorio San Xosé de A Coruña hai un grupo de nais que tiveron problemas coa lactación e que agora, voluntariamente, asesoran a outras. Pero o fan as nais, non a Seguridade Social. -¿Falta entón iniciativa pública? -E por enriba de todo, recordar que somos mamíferos, que é o que di Michel Odent, un grande obstetra francés que asegura sempre que o día que se respecten máis os partos, teremos mellores persoas e mellores cidadáns.