«Estamos nunha situación descoñecida en termos de clima»

SOCIEDAD

Habería que remontarse máis alá dos últimos 50.000 anos para aproximarse a un momento climático como o da actualidade

09 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Catedrático de Edafoloxía na Universidade de Santiago, o clima é unha das súas paixóns. Vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Díaz-Fierros presentou esta semana unha publicación desta entidade, que indaga na historia climática de Galicia.

-¿Aínda hai alguén (ademais de Aznar) que dubide do cambio climático?

-Aparte de Aznar, hainos. Dentro da comunidade científica hai algunha crítica máis ou menos fundada, que é minoritaria, pero respectable.

-¿En que se basea?

-Basicamente poñen en dúbida o modelo do pau de hóckey, que é o que acepta o IPCC (Panel Internacional do Cambio Climático), que di que nos últimos mil anos non houbo practicamente grandes variacións no clima. Hai tendencias e unha pequena diminución da temperatura en torno ao século XVI-XVII (a pequena idade do xeo), pero o conxunto é unha liña bastante ben definida. A partir da revolución industrial e sobre todo nos últimos 30 ou 40 anos a temperatura comeza a medrar duna forma inequívoca. É o modelo do pau de hóckey que aceptan a maioría dos científicos, pero hai algúns que din que pode haber interpretacións. O que si podo dicir é que os datos de Galicia corroboran claramente este modelo do pau de hóckey.

-¿Coñecer historicamente a climatoloxía como axuda a enfrontarse ao cambio?

-En primeiro lugar, porque as tendencias que se poden descubrir son sempre a longo prazo. Os datos climáticos dun ano ou dous non din nada, só podes establecer unha mirada longa e proxectala cara ao futuro. Se avaliáramos o cambio climático polos dous últimos anos diriamos que non o hai, por iso hai que ter en conta os últimos dez, vinte anos. E aí entra a mirada histórica.

-¿Cales son os efectos máis visibles en Galicia?

-Os máis visibles son os adiantos, sobre todo nas colleitas. Nas vendimas hai un adianto de entre quince días e un mes nos últimos trinta anos. O período das xeadas tamén se vai adiantando. Hai unha diminución do entorno dun mes no período das xeadas, que se están acurtando, sobre todo nas tardías, que se achegan ao inverno e xa non son tanto de primavera. Iso, dende o punto de vista agrícola, é moi importante porque diminúe moitos riscos.

-¿Haberá cultivos ou especies que desaparezan ou aparezan?

-Estase a falar da aparición de novas especies de características tropicais, e mesmo tamén doutras vexetais. Pero aquí habería que conseguir diferenciar o efecto climático do antrópico, o do home, xa que as sementes móvense moito, impórtanse, e iso tamén pode influír.

-Na presentación do libro falábase da influencia do clima na cultura. ¿Que características dos galegos se lle poden achacar ao tempo?

-Non analizamos esa parte, pero hai outros estudos que din que hai características psicolóxicas que poden estar influenciadas polo clima. Historicamente, desde que se falou de razas e etnias, se pensou que había unha compoñente climática.

-¿Atópase algunha época similar á actual en canto ao clima?

-Habería que ir moi moi atrás, eu diría que aos interglaciares, máis alá dos últimos 50.000 anos. No que é período histórico non, porque mesmo no máis cálido que se deu, o que se chamou óptimo climático medieval, no século XII, parece que as temperaturas non chegaban á situación actual. Como moito puido ser de medio grado por enriba da media, pero non o case grado que temos hoxe en día. Historicamente estamos en situacións ata o de agora non coñecidas en termos de clima.

-¿Os cambios son homoxéneos en toda Galicia?

-Son máis propicios á Galicia do sur, das Rías Baixas. O Cantábrico é unha zona que cambia menos, e mesmo os propios modelos que predín as variacións din que a finais deste século a temperatura no verán incrementarase no Cantábrico dous grados e no sur sobrepasaranse en catro.

-O seu traballo no Consello pretende achegar ciencia e cultura. ¿Por que á primeira lle custa tanto chegar á sociedade?

-Tampouco hai que ser idealistas, a ciencia ten unhas dificultades intrínsecas que non ten a arte. É unha linguaxe críptica e difícil, e cando se fai divulgación polo camiño vaise perdendo información científica. Temos que ter coidado de que o máis salientable non se perda. Hai unha tendencia a destacar só o espectacular. Ademais, a ciencia, máis que un labor de personaxes illados, é un labor colectivo.