«Este ano quedaron 6 bebés no hospital fronte aos 21 do 2005»

La Voz

SOCIEDAD

Chus Lago, secretaria xeral de Benestar da Xunta, cre que as adopcións tradicionais son o último recurso da rede social de asistencia aos menores e aboga por outras fórmulas, como o acollemento.

-En España hai 30.000 rapaces que medran en institucións. ¿Como está Galicia?

-Baixamos un 20% en dous anos porque os nenos non poden medrar en institucións, teñen que facelo en fogares normalizados, ben sexa cos seus pais, que é o desexable, coa súa familia extensa, en acollemento temporal ou nun centro diúrno para ir durmir á casa.

-E as adopcións... ¿non se potencian?

-No que vai de ano so se rexistraron 32 fallos xudiciais de adopción fronte aos 1.700 acollementos que hai.

-Ese é o futuro, o acollemento fronte a adopción, ¿non?

-Pretendemos potenciar os acollementos adaptados ás novas situacións: durante o curso escolar, ou durante as vacacións, ous os fins de semana ou durante a semana... o acollemento é o maior acto de xenerosidade dunha persoa e a mellor forma de que un neno con problemas familiares medre sentíndose querido.

-¿Como se potencia unha cousa así?

-Informando primeiro, e axudando economicamente ás familias que se animan a facelo. Agora pagamos 230 euros ao mes por cada menor (500 teñen menos dun ano) e máis conforme aumenta o número de nenos (os grupos de irmáns). Ademais, se o rapaz ten necesidades especiais, cóbrense ao cen por cen; todo o que necesite.

-A idea é que todos os nenos medren nunha familia...

-Si, que estean socializados con normalidade. Pode ser nunha familia ou cunha monitora coa que viven seis ou sete nenos, nun piso calquera como calquera outra familia.

-¿Melloramos?

-Moito. No 2004 Galicia era a comunidade que máis nenos tutelados tiña, que máis menores estaban en centros e que máis tempo permanecían neles. Co Plan de Menores as cousas cambiaron: trabállase moito na prevención, e neste ano so deixaron abandonados nos hospitais a 6 recén nacidos, fronte aos 21 do ano 2005; mellorouse no acollemento; e evítase a xudialización da vida dos rapaces.