Cámara negra quere propoñer un espazo novo para a escena e un novo lugar para os espectadores. Non é seguro que a compañía desconfía da xente, pero seguro que non participa desa idea que coloca aos espectadores moi lonxe e, se pode ser, cun foxo polo medio.
Colocar ao público lonxe é unha teoría máis política que espectacular e quizais por iso para esta Mujer muerta caminando, que desde o título xa podería ser unha metafórica alusión á sociedade, a compañía pon aos espectadores a menos medio metro dos actores e para iso, necesariamente, ten que cambiar o espazo no que se produce ese encontro ao que por convención chamamos representación.
Esa sería unha distancia aconsellable para calquera espectador atento, interesado ou para quen queira entender as cousas desde cerca. Pero, curiosamente, unha das teimas na miña familia cando era cativo era non deixarme que me sentara moi cerca do aparello para ver a televisión. Sumando unha cousa e outra dou por feito que a televisión é mellor mirala de lonxe e a realidade de cerca. O teatro, claro, está máis próximo da realidade.
Tamén é verdade que a inmediatez ten a súa circunstancia pornográfica porque o xénero está baseado en exhibilo todo o máis cerca posible. Pero o que define a este xénero non é a distancia do espectador senón a argumentación do que se conta. E agora están pasando cousas que desde lonxe igual parecen inevitables, pero que, de cerca, teñen ese carácter pornográfico do que non ten matices.
E todo a media luz
Porque o goberno presenta as cousas como inevitables pero sempre esquece engadir a coletilla de que o son desde o seu punto de vista. Escamotean esa frase e con ela deixan a medias iluminado o escenario da comprensión. Porque sempre hai outro xeito de facer as cousas. Poñer á sociedade diante dunha liña recta e apagar as luces do resto das posibilidades non se pode considerar gobernar. É un xeito de enganarnos. De colocarnos a media luz. A que Cámara negra utiliza para irnos afacendo á circunstancia.
Zona C
Días: Venres e sábado
Horario: 20.30
Entradas: 8 euros