ANXO TARRÍO | CRÍTICO LITERARIOO ESCRITOR CONSIDERA QUE NOS ÚLTIMOS ANOS «a literatura perdeu inocencia e non gañou nada como exercicio humano, artístico e libre, lúdico e GOZOSO»
31 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.A literatura é unha cousa e a relación coa sociedade é outra. Anxo Tarrío considera que esa relación mudou nos últimos anos sen beneficio ata quedar reducida a unha materia curricular.
-Leva toda a vida traballando sobre a literatura. Investigando, explicando. ¿Como foi cambiando, segundo a súa experiencia, o xeito en que a xente percibe a literatura?
-A inmensa maioría vive de costas a ela e impórtalle ben pouco. A xente, en xeral, nin le nin moito menos ten a literatura como hábito ou referencia, xa non digamos filosófica, ética ou intelectual, estética ou moral, pero tampouco lúdica ou evasiva. Nada que ver co entusiasmo con que liamos na nosa adolescencia, cando se podía falar dunha literatura popular vizosa e un rillote (urbano) calquera ou unha modistilla levaban no peto unha novela rosa, de vaqueiros ou policíaca e sabían falar das súas lecturas e estabelecer ao seu xeito e nivel un canon propio. Naturalmente, todo en castelán, pero lían, cousa que non fan agora en ningunha lingua.
-Desde o punto de vista da docencia, ¿é agora máis fácil ou máis difícil explicar literatura, facela entender?
-Eu non sei cómo contrastar co pasado a miña experiencia docente actual nin a impronta que o meu modo de concibir esta materia (pois a iso se reduciu a literatura, a unha materia curricular) pode deixar en quen asiste ás miñas clases, seguramente de mala gana e coa soa preocupación burocrática do aprobado final. Podo comprobar se os meus alumnos saben recoñecer un soneto ou un oxímoro; pero non sei se lles di algo un pensamento para min sublime ou se lles gustaría afondar nun verso ou nunha frase estremecedora. Coido que co declinio dos paradigmas estilístico, filolóxico e estruturalista, e a emerxencia daqueloutros que podemos reunir urxentemente baixo a éxida dos estudos literarios e dos cultural studies, a literatura perdeu inocencia e non gañou nada como exercicio exclusivamente humano, artístico e libre, lúdico e gozoso de construír universos de ficción atractivos nos que contrastaren os lectores as súas propias experiencias vitais e facérense persoas a si mesmos. Diluíuse a dimensión estética, na procura obsesiva dunha univocidade empobrecedora ao servizo de discursos grupais ou da defensa dunha determinada tese. A escola do resentimento de que fala Harold Bloom non está lonxe de todo isto, e eu non estou moi lonxe do crítico americano.
-Entre a súa obra destacan análises de autores como Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro e Blanco Amor. ¿É esa unha liña de modernidade e de clasicismo para a literatura galega?
-Efectivamente, despois de moitos anos dedicado a Galdós, analicei algo a fondo, entre outros, eses tres autores, e a miña resposta é que si, absolutamente. Os tres distáncianse abondo dos autores decimonónicos e as súas obras terán longa vixencia como propostas estéticas e discursivas. Iso define os clásicos modernos.
-¿Como viu a evolución da literatura galega nos últimos anos desde a súa perspectiva?
-Dende o punto de vista sistémico, a literatura galega experimentou nos últimos trinta anos un avance cuantitativo e cualitativo evidente e iso propiciou a súa institucionalización, a súa canonización, homologándose co resto das literaturas do mundo. Só está pendente dunha sociedade que a sinta como propia e que a integre na súa bagaxe cultural con toda normalidade, non só como un discurso identitario e lexitimador de diferenzas. Pero iso leva moito tempo e non sei se xa chegamos tarde.
-Nalgunhas ocasións dise que a literatura galega vai por diante da sociedade. ¿Cre nesa percepción?
-Non sei. Só constato unha sociedade entregada maiormente á lingua castelá no que atinxe ás manifestacións cultas. Unha sociedade analfabeta, culturalmente falando, idiotizada por un consumismo solipsista, baleiro de calquera criterio estético, ideolóxico ou histórico, moita música basura de usar e tirar, moita Telecinco, fórmula 1, motos conducidas por adolescentes multimillonarios, e fútbol e máis fútbol, máxima preocupación de moitos, por outra parte quizais graves e conspicuos pais de familia.
-¿Cales son os retos que ten que afrontar unha literatura como a galega?
-Coido que hai unha inflación de escritura en Galicia, quero dicir, un número descomunal de persoas que aspiran á gloria literaria. Non teño estatísticas, pero debemos ser o país do mundo con máis porcentaxe de cidadanía aspirante a vivir da literatura ou polo menos a ter un recoñecemento a través dela, simplemente porque sabe falar e escribir galego, cousa que cando alguén o descobre en si mesmo, como o burgués M. Jourdain de Molière cando soubo que falaba en prosa, xa lle parece que é un escritor pendente de que se lle faga xustiza publicándolle o que escribe. E isto ocorre porque a cultura galega aínda se nutre en exceso de voluntarismo e, xa se sabe, ao cabalo de agasallo non está ben comprobarlle a saúde da dentamia. Un erro, este, que enche calquera cultura de lixo.
-Outra das súas ocupacións é escribir na prensa. ¿Cre que o mapa da opinión está cambiando moito? ¿Bota de menos máis opinión literaria?
-A colaboración na prensa escrita é unha das miñas paixóns. Nese sentido, agora estou no paro. Pero eu fuxín de especializarme na opinión literaria hai xa moitos anos, porque non hai compensación abonda para as inimizades e odios que indefectiblemente xera a actividade crítica. Por outra parte sempre hai quen quere facer de ti o seu crítico exclusivo e nunca lle parece suficiente o que escribes sobre a súa obra. Na primeira ocasión, tórnase inimigo encabuxado. A opinión literaria na prensa sempre será pouca, por máis que agora mesmo haxa un nivel moi aceptable de críticos solventes, moito máis solventes que hai trinta anos.