Bieito Iglesias olla o crepuscular presente no seu último libro
22 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.A eutanasia, o racismo a soidade urbana, a emigración, a exclusión dos vellos, o turismo sexual, a pederastia ou as violencias varias son algúns dos temas que o escritor Bieito Iglesias aborda nos dezasete relatos curtos que integran o seu libro Contos da terra da tarde, editado por Galaxia. Personaxes excéntricas protagonizan estas novas historias do autor de Pan e coitelo cuxa ollada revela os recantos escuros da crepuscular realidade, indo así un pouco a contracorrente da moda literaria.
«Quizais si vou un pouco contra a moda actual de escribir, por exemplo, novela histórica ou outros xéneros que son formas de evasión do mundo actual -confesa o escritor-, aínda que iso é lexítimo igual que escribir literatura fantástica. Pero creo que tamén convén que exista literatura en conexión coa vida. Esta é a idea que teño e que me leva a introducir nos relatos o mundo cotián».
Bieito ten escrito relato fantástico, pero na súa obra predomina o realismo, «un realismo non decimonónico» impregnado de elementos do seu «mundo histórico». En Contos da terra da tarde hai características dos seus libros anteriores como «certas doses de humorismo, sátira e erotismo» que, aclara, «son marcas da casa, que é o que sae cando me poño a escribir».
Non obstante, o escritor aclara que todos os problemas que están nestes contos «están vinculados á nosa realidade inmediata». «Eu son fillo de netos de emigrantes, aínda que agora vivo a emigración doutra maneira, como inmigración», remarca o narrador, para quen eses problemas que están en Contos da terra da tarde «son problemas contemporáneos pero non sacados dos periódicos senón tamén da miña intimidade». Nese sentido, o tema da eutanasia presente nun dos contos, tamén pertence un pouco aos seu máis profundo. «Aínda que non sufrín un problema como Ramón Sampedro, sufrín unha poliomelitis de neno e creo que podo aportar algo á análise de que sinte e vive unha persoa con limitacións físicas».
Neses dezasete relatos hai tamén temas que non son de Galicia, como o do turismo sexual, pero que teñen protagonistas galegos. «Hai un relato que ten como leit motiv un bolero -explica Bieito-. O bolero traballa como un soño que describe de forma satírica e realista o turismo sexual a Cuba, que tan de moda estivo entre os españois e galegos». O escritor di sentirse «cómodo nas distancias medias» ao escribir aínda que pode «escribir microrelatos e novela longa».